AGASOL celebra o vindeiro 15 de outubro na Coruña a primeira xornada do ciclo "Software Libre contra a crise" que percorrerá os parques empresariais galegos.
O ciclo de sesións informativas gratuítas co lema “Software Libre contra a crise” achegará ao empresariado galego unha opción para aumentar a súa produtividade e sortear gastos en tempo de crise. Esta iniciativa canalízase en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia e as asociacións empresariais dos principais polígonos industriais da nosa comunidade.
A primeira cita terá o vindeiro xoves 15 de outubro na Aula de Formación da empresa Retsa II, (Polígono de Sabon, Arteixo. Avenida da Enerxía, parcela 62 -ao lado da ITV-).
O obxectivo perseguido é que os asistentes adquiran unha comprensión completa, pero amena, sobre as características do software libre e as súas posibilidades de implantación a nivel empresarial, especialmente beneficiosas cando se trata de pequenas e medianas empresas. Neste sentido, poderanse coñecer as experiencias de éxito de pemes que xa adoptaron o software libre. Ao mesmo tempo, os asistentes poden contactar con asesores tecnolóxicos que proporcionan axuda na implantación de solucións.
O uso do software libre nas empresas aporta vantaxes como a fiabilidade, a seguridade, a calidade e o aforro en licenzas atribuídas ao seu uso. Ademais, pode implantarse nun número ilimitado de equipos. Os especialistas dan outras razóns de peso para a implementación do software libre nunha organización, como o feito de que o seu emprego alonga a vida útil dos equipos informáticos da empresa porque se mantén operativo e funcional, mesmo nos equipos de maior antigüidade, de maneira que evita que se queden obsoletos antes que o software privativo.
A seguridade e a versatilidade son outros valores do software libre e algúns dos principais motivos polos que as empresas se deciden pola súa implantación. “Existe gran fluidez de aportacións que contribúen a corrixir erros e a personalizar o software adaptándoo ás exixencias de xestión e particularidades de cada empresa”, explica Luis Alberto Fernández, xerente de Agasol.
O programa da xornada será:
- 10:00-10:15 Presentación institucional
- 10:15-11:00 Vantaxes do Software Libre para as PEMES />Migracións a Software Libre. Relatores: Roberto Brenlla / Carlos Rodríguez (TEGNIX)
- 11:00-11:45 Mellora da xestión empresarial. O caso de éxito do OpenERP. Relator: Santiago Argüeso (Pexego)
- 11:45-12:15 Pausa café.
- 12:15-13:00 Administración de sistemas. Aibox. Relator: Alejandro Escobar (Aitire)
- 13:00-13:45 Creación de portais corporativos con Software Libre. Joomla e Typo3. Relatora: Carina Anta Arias (Redegal)
- 13:45-14:00 Peche da xornada e aperitivo
Máis información: Gabinete de comunicación de Agasol
Juan Luis Rodríguez Cudeiro (639 60 23 20)- Miriam Alonso Rodríguez (981 59 13 90)
