Mancomún

Xornada sobre Boas Prácticas de Responsabilidade Social Empresarial no sector TIC

Martes, 19 Novembro 2013

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, e a Consellería de Traballo e Benestar, asinarán, mañá mércores 20 de novembro ás 10:00, un protocolo de colaboración no eido da Responsabilidade Social Empresarial coas asociacións empresariais do sector TIC galego: Agasol, Agestic, Clúster TIC e Eganet.

Convocatoria do acto de sinatura do protocoloSegundo a Organización Internacional do Traballo, a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) é o reflexo do xeito en que as empresas toman en consideración a repercusión que as súas actividades teñen sobre a sociedade, cales son os principios e valores que rexen a súa actividade, tanto nos seus métodos e procesos internos, como na súa relación co resto de actores. A RSE é unha iniciativa de carácter voluntario que só depende da empresas, e corresponde a actividades que van máis alá do mero cumprimento da lexislación.

Como primeiro paso para dar a coñecer entre o sector TIC e a sociedade galega que é a RSE, e como poñela en práctica, a continuación da sinatura do protocolo terá lugar de 10:30 a 14:15, unha Xornada sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC.

Nesta xornada diversas empresas galegas exporán a súa experiencia en catro mesas de debate sobre catro ámbitos da RSE. Nestas mesas, como non podía ser doutro xeito, haberá representación do Software Libre ao que van intrinsecamente ligadas a responsabilidade social e a comunidade. Así participarán as empresas Wireless Galicia, que contará a súa experiencia no eido da Responsabilidade Social Tecnolóxica, Igalia quen falará sobre boas prácticas no lugar de traballo, e Abertal e Icarto, que achegarán as súas experiencias e boas prácticas na RSE e o impacto na comunidade.
Esta xornada terá lugar no Salón 103 do Centro de Innovación Cultural e Modernización Tecnolóxica de Galicia, sede da AMTEGA na Cidade da Cultura, estando aberta a asistencia a todas as organizacións e empresas que desexen participar.

Este protocolo enmárcarse nas actuacións que a Xunta de Galicia está a desenvolver no eido da Responsabilidade Social Empresarial e ten por obxectivos:

  • Impulsar á Responsabillidade Social Tecnolóxica: fomentando a difusión e execución de servizos e produtos de tecnoloxía para a saúde, o benestar e o envellecemento activo por parte do sector TIC galego
  • Fomento, difusión e posta en marcha de boas prácticas en materia de RSE: lugar de traballo, impacto na comunidade, medio ambiente, …que repercutan en modelos de innovación na xestión competitivos.

Trala sinatura do acordo, terá lugar unha Xornada sobre Boas Prácticas de RSE no sector TIC, na que os asistentes poderán coñecer de primeira man iniciativas de empresas TIC en catro ámbitos distintos da Responsabilidade Social Empresarial con 4 mesas de debate:

  • Boas prácticas RSE eMercado: Responsabilidade Social Tecnolóxica, moderado por AGESTIC e coa participación de Imaxdi, Bahía Software e Wireless Galicia. Falarase sobre o desenvolvemento de respostas tecnolóxicas para as necesidades da sociedade nos ámbitos da saúde, benestar e envellecemento activo, co obxectivo de transformar a sociedade con tecnoloxía para todas e todos.
  • Boas prácticas no lugar de traballo moderada por EGANET e coa participación de Instra Ingenieros, Everis e Igalia, na que se falará de boas prácticas de xestión en ámbitos tales como a mellora das condicións laborais e da satisfacción no traballo, conciliación da vida laboral e familiar, igualdade de oportunidades e diversidade, formación e desenvolvemento da plantilla, mellora da comunicación interna, entre outros.
  • Boas prácticas de impacto na comunidade moderada por AGASOL e coa participación de Iterdata, Balidea, Abertal e Icarto. Trataranse aspectos como as boas prácticas en ámbitos tales como voluntariado corporativo, integración social e/ou laboral a nivel local, melloras das infraestruturas locais, doazóns en metálico ou en especie a institucións sociais locais, apoio á sociedade nun sentido amplo (poboacións de países en desenvolvemento), …
  • Casos de boas prácticas integrais moderada polo Cluster TIC, e na que participarán empresas do sector TIC que integran a RSE de forma transversal, en todas as funcións do negocio, aliñando as políticas e estratexias de RSE cos valores e obxectivos da empresa. As empresas participantes son Ednon, R e Tecnocom.

A asistencia a este acto está aberta ao público e é totalmente gratuíta. Só é preciso formalizar a inscrición a través do correo electrónico voluntariadodixital@xunta.es.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal