Mancomún

Xornada sobre Scratch dirixida ao público infantil en Melide

Martes, 9 Xullo 2013

Xornada de Scratch en MelideDende a asociación Melisa, organizan par o vindeiro 13 de xullo a I Xornada de Scratch, dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 15 anos. A xornada, de carácter totalmente gratuíto, celebrarase de 10:00 a 14:00 horas na aula CeMIT do municipio situada no edificio multiusos de Melide.

O obxectivo desta xornada é que os cativos poidan aprender a empregar un ordenador dende unha perspectiva diferente, aprendendo a crear historias, xogos, simulacións, … que logo poidan empregar nos seus equipos. Ademais de estimular a súa creatividade, permitirá que se acheguen ao mundo da programación dunha forma divertida e amena.

Segundo recollen no anuncio desta xornada, esta iniciativa forma parte do compromiso social de Melisa coa sociedade, conscientes de que as xeracións futuras deben adquirir competencias relacionadas coa programación libre.

Scratch é un aplicativo destinado a introducir aos cativos no mundo da programación mediante o uso dunha sinxela interface gráfica, axudando a desenvolver o pensamento algorítmico, a creatividade e a destreza para solucionar problemas.
O método de traballo de Scratch é a existencia dunhas personaxes, ou obxectos, que inseridos dentro dun escenario poden realizar unha serie de accións: moverse, falar, cambiar de disfraz, posición, etc. Desta forma é posible crear de maneira moi sinxela historias, simulacións, xogos e máis cousas que se lles poidan ocorrer e posteriormente compartilas na Rede. Non é preciso dispoñer de coñecementos técnicos previos para comezar a empregar Scratch.

Scratch utiliza a linguaxe LOGO e está desenvolvido polo grupo “The Lifelong Kindergarten group” no Media Lab do MIT (Massachussets Institute of Tecnology).

Todas aquelas persoas que estean interesados en levar aos seus fillos a estas xornadas, non teñen máis que cubrir previamente a inscrición na web de Melisa.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal