O pasado 2 de novembro, a Asociación GHANDALF impartiu unha xornada de divulgación e formación dirixida aos alumnos dos Ciclos Superiores de Informática do IES Xulián Magariños de Negreira, co título Software Libre e Licenciamento
O obxectivoda mesma era amosarlle aos futuros profesionais a panorámica xeral do licenciamento (propiedade intelectual, dereitos de autor, licenzas) e a súa fortísima relación co software libre, facendo fincapé naquelas cuestións de máis interese dende o punto de vista de toma de decisións estratéxicas por parte dun prescritor de tecnoloxía, o cal con toda seguridade vai ser o rol de moitos dos asistentes á Xornada.
Ao redor duns 30 asistentes dos Ciclos Superiores de Informática presentaron ao remate da presentación múltiples dúdidas demostrando tanto o seu interese, como a aplicabilidade deste tópico na súa xa inminente vida laboral.
Segundo recolle Ghandalf na súa web, fixéronlles chegar a todos os asistentes documentación dixital sobre a temática en cuestión, a maiores de varias ferramentas e sistemas operativos libres.
Ghandalf pon a disposición de calquera a presentación empregada na Xornada a través da sección de documentación da súa web, nas seguintes ligazóns directas:
- Software libre e licenciamento (en pdf).
- Software libre e licenciamento (en odp).
Dende Ghandalf afirman que foi unha agradable labor impartir esta xornada polo que queren amosarlle o seu agradecemento á Dirección do Centro, a cal en todo momento facilitou que a xornada puidera levarse a cabo dun xeito óptimo.
Esta actividade forma parte das actividades que a asociación desenvolve ao abeiro do Convenio de colaboración asinado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.
Fonte: Ghandalf
