Mancomún

Xornada sobre Software Libre e muller

Mércores, 24 Setembro 2014

Este venres 26 de setembro de 2014 de 9:30 a 14:00 horas celébrase a xornada Freeday4Girls, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia de Santiago de Compostela.

Trátase dunha xornada organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG, cuxo principal obxectivo é visualizar e promover o rol da muller no eido do software libre en Galicia.

A día de hoxe a proporción de mulleres que se adican ao ámbito das tecnoloxías é moi inferior á proporción de mulleres que se atopa na sociedade, e se nos centramos no eido do software libre, a porcentaxe é aínda menor. Ás veces por inseguridade, por prexuízos, ou mesmo por falta de coñecemento de modelos femininos neste campo, é posible que as mulleres non se acheguen ás tecnoloxías e ao software libre e que o vexan como algo alleo a elas, cando non debería ser así.

Con esta xornada a OSL do CIXUG quere contribuír a loitar contra a fenda de xénero nas TIC, achegando experiencias de mulleres galegas inspiradoras que adican o seu día a día a desenvolver a súa profesión no ámbito das tecnoloxías. Poderedes coñecer proxectos, ferramentas e mulleres que traballan e utilizan o software libre en diferentes disciplinas: creatividade, deseño, xestión, formación, etc.
O programa será:

  • 9:30 Presentación institucional
  • 9:45 A muller xestora de proxectos e o software libre. Palmira Castro de Mimadriña.com . Contará como chegou a coñecer o software libre e o potente que lle pareceu a nivel educativo e social, e como anos despois, está inmersa no descubrimento e experimentación co hardware libre .
  • 10:15 Contidos dixitais de código aberto. María Yañez de A Navalla Suiza
  • 10:45 Mesa Da universidade ao mercado laboral con:
    • Susana Ladra. Vicedecana de Organización académica da Faculta de Informática da UDC
    • María José Rodríguez Malmierca, do Cesga, coordinadora do proxecto ICT-Go-Girls!
  • 12:00-12:30 PAUSA-CAFÉ
  • 12:30 Obradoiro “Peer to peer streaming”, por Beka Iglesias de adtlantida.tv Trátase dun obradoiro para todos aqueles que queiran aprender a facer streaming.

A xornada está fundamentalmente dirixida ao público máis novo, estudantes, persoas en busca de emprego, etc aínda que por suposto está aberto a calquera persoa con interese en coñecer experiencias interesantes no eido das TIC e concretamente do Software Libre.

A asistencia a este evento é de balde, sendo preciso inscribirse a través do formulario de inscrición a efectos de control do aforo.

A xornada tamén se poderá seguir vía streaming a través da ligazón que a organización incluíra na páxina do evento: http://osl.cixug.es/freeday4girls/.

Esta xornada é organizada pola Oficina de Software Libre do CIXUG dentro das actividades que desenvolve no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal