- O CDTIC acollerá a primeira xornada técnica celebrada en Galicia sobre OpenNebula, unha alternativa en software libre para cloud computing.
- Celebrarase o 8 de outubro, organizada pola Asociación Galega de Empresas de Software Libre, Agasol.
- Será impartida polo enxeñeiro Jaime Melis, un dos creadores desta ferramenta e impulsor da comunidade OpenNebula.
A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) organiza o mércores día 8 de outubro, nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, a xornada TechDay de OpenNebula. A inscrición ás xoradas é de balde, limitada unicamente ao aforo da aula.
O obxectivo principal é aprender a utilizar esta plataforma, unha alternativa en software libre para cloud computing, así como coñecer experiencias de uso da comunidade local. Da man de Jaime Melis, os participantes aprenderán a construír, configurar e operar a súa propia nube privada con OpenNebula. Non se requiren coñecementos previos de OpenNebula, pero é recomendable que os participantes teñan coñecementos básicos de sistemas Unix / Linux virtualización e redes.
Estas xornadas están dirixidas a perfís técnicos como arquitectos en computación na nube, administradores de centros de datos, administradores de sistemas, integradores de sistemas, desenvolvedores de arquitecturas e de solucións tecnolóxicas.
A xornada comezará ás 9:00 horas co:
- 9:00 a 13:00 – Obradoiro práctico de OpenNebula a cargo de Jaime Mails, quen dará unha visión xeral de como se utiliza OpenNebula para construír e operar as nubes privadas.
- Introdución á computación na nube OpenNebula
- A arquitectura da nube
- A planificación e a instalación de OpenNebula
- Configuración e uso básico
Xa pola tarde, a partir das 16:30 será a quenda dos casos de éxito e do intercambio de opinión e dúbidas por parte de todos os participantes:
- 14.30 a 15.15 – Casos de éxito: CESGA. Carlos Fernández, responsable de Sistemas do Cesga falará de Cloud computing para servizos innovadores, unha visita a algunhas das experiencias que levan emprendendo desde o ano 2009 no ámbito do cloud computing e big data utilizando a infraestrutura OpenNebula do Cesga e para diferentes contornos en innovación, educación e empresariais.
- 15.30 a 16.15 – Administracións públicas. A Oficina de Software Libre da Axencia de Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia falará das políticas de software libre na Xunta de Galicia.
- 16.15 a 16.45 – Open Space. Nesta sesión os asistentes reúnense e comentan dúbidas, preguntas, ideas innovadoras, características, integracións ou calquera tema da súa elección, nun contexto informal.
A comunidade Open Nebula
OpenNebula é unha ferramenta de cloud computing con licenza libre (concretamente baixo a licenza de Apache). Ademais de facilitar a construción de nubes privadas e públicas, OpenNebula permite a creación de nubes híbridas, que combinan unha infraestrutura de nube privada cunha infraestrutura de nube pública.
Existe unha comunidade OpenNebula que está formada por individuos, equipos e organizacións que traballan para construír unha mellor tecnoloxía na nube de código aberto e que son os promotores destas xornadas TechDay de OpenNebula das que xa se teñen realizado varias edicións en diferentes partes do mundo.
