Mancomún

Xornadas abertas do Máster en Software Libre de Igalia

Martes, 14 Agosto 2012
Máster en Desenvolvemento e Xestión de Proxectos de Software LibreIgalia en colaboración coa Universidade Rey Juan Carlos, organizan en Galicia desde o ano 2007 o Máster en Desenvolvemento e Xestión de Proxectos en Software Libre.

O máster é un título propio da Universidade Rei Juan Carlos cunha metodoloxía eminentemente práctica, dirixido a recentemente titulados e profesionais TIC que desexen mellorar as súas capacidades para xestionar, analizar e colaborar en proxectos internacionais de software libre.

Como colofón á actual edición e como antesala da VI edición do Máster en desenvolvemento e xestión de proxectos de Software Libre, cuxo prazo de inscrición continúa aberto, e continuando a senda iniciada en anos anteriores, organizamos unha vez máis unas xornadas abertas sobre diferentes temas relacionados co software libre, que terán lugar en setembro na cidade de Vigo.

Estas xornadas divulgativas son totalmente gratuítas e están abertas ao público en xeral. O obxectivo non é outro que servir de punto de encontro de antigos e novos alumnos, como foro de intercambio para profesionais do sector e simpatizantes do mundo do software libre, en resumo, como foro de divulgación técnica sobre Software Libre, tendencias e negocio.

Celebraranse as 3 últimas fins de semana do mes de Setembro na aula de novas tecnoloxías nº2 do Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Policarpo Sanz número 24-26 de Vigo. Do mesmo xeito que as clases do Máster, para facilitar a asistencia ao público profesional con obrigacións laborais, as sesións terán lugar os venres pola tarde de 16:00 a 21:00 horas e os sábados pola mañá, de 9:00 a 14:00 horas sendo posible inscribirse ás xornadas completas ou a sesións individuais.

O programa nesta ocasión conta coa participación de importantes actores do software libre en Galicia, tratando de achegarse a este ámbito desde distintas perspectivas:

  • Modelos de negocio e perspectivas laborais en torno ao Software Libre en Galicia, e desde Galicia para o mundo.
  • Seminarios técnicos sobre temas e tecnoloxías de actualidade como Big Data e Interactivity, Augmented Reality and Human-computer interaction, impartidos por profesores do Máster.
  • Distribucións GNU/Linux “Made in Galicia”. Diferentes aproximacións para diferentes necesidades.

Programa completo

Modelos de negocio e perspectivas laborais. 14 e 15 de Setembro

Venres 14 de setembro.

Sesión dedicada á presentación por parte de empresas galegas de distintos proxectos de software libre e os seus modelos de negocio, como unha mostra da boa saúde do Software Libre en Galicia.

Contan coa colaboración de empresas da talla de Cidadanía, quen conseguiu que o seu proxecto e-cidadanía participase no Google Summer of Code; de Icarto quen definiu un exitoso modelo de negocio en torno a gvSIG; de Sixtema, quen foi capaz de levar os Sistemas de Información Xeográfica ás redes sociais, cubrindo un importante baleiro, co seu proxecto ikimap e finalmente Igalia, que nesta ocasión presentará o seu proxecto Libreplan.

Sábado 15 de setembro.

Nesta sesión, será a quenda dos antigos alumnos do Máster quen nos contarán de primeira man, cal foi a súa experiencia logo de ter cursado estes estudos, cales son as perspectivas laborais que na súa opinión lles brindou o Software Libre …

Para comezar, desde a asociación Ghandalf, fundada por varios ex-alumnos, presentarannos o libro Máster Software Libre en Galicia, Ano I, para despois dar paso á mesa debate de Experiencias e perspectivas laborais coa participación de ex-alumnos do Máster.

Seminarios técnicos. 21 e 22 de Setembro

A segunda fin de semana estará integramente dedicada a seminarios técnicos impartidos por profesores do Máster.

Así o venres 21 de setembro Javier Fernández e Diego Piñeiro falarán sobre tecnoloxías distribuídas “Big Data” e o sábado 22 de setembro será a quenda de Eduardo Lima e Joaquim Rocha quen nos presentarán novas tecnoloxías aplicadas á interacción home-máquina como realidade aumentada e interactividade.

Distribucións GNU/Linux “Made in Galicia”. 28 e 29 de Setembro.

Finalmente o último fin de semana estará dedicado a presentar distintas opcións de adaptación de distribucións GNU/Linux que se están facendo ou promovendo desde Galicia con diferentes enfoques para cubrir distintas necesidades. Cada un dos poñentes expoñerá o problema que pretendían solucionar, cal foi o enfoque que seguiron para realizar o proxecto, porque escolleron esa solución, cales foron os principais escollos que han ter que solucionar, cales son as vantaxes que ofrece a súa solución … todo iso desde un punto de vista técnico.

O venres 28 de setembro, contamos coa participación de Carlos Rodríguez de Tegnix quen nos achegará desde un punto de vista técnico cal foi a solución implantada para a infraestrutura de instalación e actualización da distribución empregada no proxecto ABALAR. A continuación, Miguel Bouzada de GALPon contaranos a historia do proxecto MiniNo, distribución elaborada para ser empregada en equipos antigos con poucos recursos, e como ha ir evolucionando co paso do tempo.

Para finalizar, o sábado 29 de setembro , Fran Diéguez, actualmente na empresa OpenHost, contaranos como foi o desenvolvemento da adaptación Ubuntu-USC para o seu uso nas aulas de informática da USC iniciada no ano 2009; e para rematar Rubén Rodríguez, falaranos de Trisquel, a única distribución galega avalada pola FSF como 100% libre.

Inscrición nas xornadas

Desde Igalia e en nome dos que fan o máster, tanto aquí como na Universidade Rei Juan Carlos, convídannos a asistir e esperan que as xornadas sexan do noso agrado.

A entrada é totalmente libre, pero é necesario inscribirse debido ao aforo limitado.

As prazas dispoñibles cubriranse en estrita orde de inscrición, polo que vos recomendamos anotarvos canto antes. Podedes facelo a través do formulario de inscripción habilitado ao efecto ou enviando un e-mail a mswl @ igalia . com indicando os días que vos gustaría asistir.

Inscrición na VI edición do Máster

Dende Igalia aproveitan para lembrarvos que aínda estades a tempo de inscribirvos na próxima edición do Máster en Software Libre. Malia que o prazo ordinario de inscrición rematou o pasado 31 de Xullo, o día 1 de Agosto abriuse o prazo extraordinario de inscricións tanto para a edición de Vigo como para a edición de Coruña.

Non deixedes pasar esta oportunidade de realizar estes estudos que como nos contarán nas xornadas de Setembro poden abrirvos diversas portas no mercado laboral.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal