GPUL, en colaboración coa GNOME Foundation, organiza este mércores 11 de maio de 2011 unha Xornada de Accesibilidade en Software Libre.
A accesibilidade é a característica do software que permite que poida ser empregado por persoas con discapacidades visuais, auditivas, motoras ou outras necesidades especiais.
O proxecto GNOME define entre os seus principais obxectivos que o software sexa accesible para o que contan co GNOME Accesibility Team, o equipo de desenvolvedores do proxecto GNOME que se centran no desenvolvemento e mellora da accesibilidade.
Esta semana o GNOME Accesibility Team reúnese na Coruña no Hackfest sobre ATK e AT-SPI, onde traballaran no impulso e desenvolvemento das tecnoloxías que fan que o entorno GNOME sexa accesible.
No marco deste encontro de traballo, e grazas á colaboración entre GPUL e a GNOME Foundation, organízase esta Xornada de accesibilidade, aberta ao público en xeral, para achegarlle os principais avances e melloras que permiten adaptar o noso entorno de traballo para as persoas que precisan tecnoloxías de asistencia.
Os asistentes coñecerán de primeira man o sistema de accesibilidade de GNOME, como funciona o lector de pantalla Orca ou como se pode navegar de forma accesible nos navegadores Firefox e Webkit. Todas estas charlas mostrarán a potencia do Software Libre para achegar as tecnoloxías da información aos colectivos con necesidades especiais. Para concluír, presentarase os obxectivos a acadar durante a semana de traballo do equipo internacional de desenvolvedores que se reunirá nas oficinas de Igalia na Coruña.
Programa da Xornada de Accesibilidade:
- 18:00 Introdución á accesibilidade en GNOME
- Alejandro Piñeiro (Igalia, GNOME Accessibility Team)
- 18:30 Orca, o lector de pantalla de GNOME
- Alejandro Leiva (Emergya, Orca)
- 19:00 Accessibilidade na web: Firefox, Webkit
- Fernando Herrera (Mozilla Foundation, Firefox)
- Mario Sánchez Prada (Igalia, Webkit)
- 19:30 Que facemos no Hackfest de ATK/AT-SPI2?
- Alejandro Piñeiro (Igalia, GNOME Accessibility Team)
A xornada celébrase este mércores 11 de maio de 2011 ás 18:00 horas na Aula de grados da Facultade de Informática.
O acceso á xornada é libre e gratuíto, aínda que dende a organización recomendan enviar un correo a info@gpul.org indicando o interese en participar na xornada para controlar o aforo da sala.
GPUL agradece a colaboración na organización deste evento á Facultade de Informática, á Universidade da Coruña e a Igalia.
A Xornada de Accesibilidade en Software libre dentro do ATK and AT-SPI Hackfest forma parte das actividades que GPUL realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.
