Mancomún

Xornadas de empresa e software libre

Venres, 14 Outubro 2011

Cartel das Xornadas de empresa e Software LibreA OSL da UDC organiza para os vindeiros días 8 e 9 de novembro unhas Xornadas de Empresa e Software Libre en colaboración con Agasol, Igalia, Corunet, Icarto, Imatia, Quobis, Tagen Ata e Redegal. As xornadas terán lugar na aula de grados da Facultade de Informática da UDC.

Estas xornadas están especialmente dirixidas aos futuros profesionais das TIC da nosa comunidade, aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das xornadas é amosar aos asistentes que o software libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial.

A través das presentacións a cargo de AGASOL, como Asociación de Empresas de Software Libre de Galicia e dos casos de éxito de 7 empresas galegas que incorporan o software libre no seu modelo de negocio, os asistentes poderán obter información de primeira man de como o software libre permite xerar emprego cualificado e de calidade nas empresas galegas, como contribúe á internacionalización e convencelos de que é unha excelente opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
Cada unha das empresas participantes explicará brevemente como utiliza o software libre dentro do seu modelo de negocio, dará unha visión dos proxectos nos que está involucrada e explicará porque decidiu apostar polo software libre. O programa é o seguinte:

8 de novembro

  • Agasol: 10:00 – 10:30
  • Igalia: 10:30 – 11:30
  • Corunet: 11:30 – 12:30
  • Icarto: 12:30 – 13:30

9 de novembro

  • Imatia: 10:00 – 11:00
  • Quobis: 11:00 – 12:00
  • Tagen Ata: 12:00 – 13:00
  • Redegal: 13:00 – 14:00

As xornadas son de carácter gratuíto. Ofértanse 50 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición a través do formulario de inscrición habilitado ao efecto na web da OSL.

Sortearanse 2 tablets Android entre os asistentes

Esta actividade enmárcase dentro do plan de actividades da OSL da UDC ao abeiro do convenio de colaboración asinado pola SXMIT coas 3 universidades e incluído no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal