Un ano máis GPUL organiza unha actividade orientada aos novos alumnos da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, trátase das Xornadas introdutorias a GNU/Linux e Software Libre para novos alumnos.
As actividades levaranse a cabo na Facultade de Informática da UDC, no Campus de Elviña o 20 e o 21 de outubro de 2010.
Non é preciso inscribirse e, por suposto, a asistencia é totalmente libre e gratuita.
Dende GPUL cren que estas actividades poden resultar moi interesantes para os alumnos xa que proporcionan unha necesaria introdución a un entorno moitas veces aínda descoñecido, e que lles será necesario e útil durante a súa estancia na facultade.
- Software Libre e GNU/Linux. Que é, como se usa e para que me serve?
Consistirá nunha amena introdución ao concepto de Software Libre na que se presentará un dos sistemas que máis o caracterizan: GNU/Linux. Repasarase a súa historia e haberá unha demostración práctica de como se pode usar para accións cotiás, co fin de que os asistentes descubran a potencia, comodidade e sinxeleza do contorno.
- Uso de Ubuntu
Centrarase no uso de Ubuntu nos laboratorios da facultade, pois é o sistema que os asistentes empregarán maioritariamente durante os seus estudos. Os asistentes aprenderán a configurar o sistema e a moverse polo contorno tanto en modo gráfico como en modo texto, otorgandolles todos os coñecementos necesarios nas ferramentas básicas que utilizarán ao longo da carreira.
Estas xornadas forma parte do plan de actividades que a asociación GPUL desenvolve ao abeiro do convenio de colaboración firmado polas AGUSL coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e incluídas no plan de acción FLOSS 2010 da Xunta de Galicia.

