A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, dependente do CIXUG, organiza as I Xornadas de Software Libre na Empresa para o vindeiro venres 21 de setembro de 16:00 a 20:30 horas.
Estas xornadas, de carácter gratuíto, terán lugar na Escola Técnica Superior de Enxeñería da USC sita no Campus Vida. A asistencia é libre, aínda que a organización agradece que todos aqueles interesados en asistir se inscriban a través do formulario habilitado aos efectos, para un mellor control do aforo e organización das xornadas.
Estas xornadas están especialmente dirixidas aos futuros profesionais das TIC da nosa comunidade, aínda que están abertas á participación do público en xeral. O obxectivo das mesmas é amosar aos asistentes que o Software Libre é unha aposta de calidade á hora de afrontar un proxecto empresarial así como as hai moitas oportunidades do mercado laboral para o profesional experto en software libre.
A xornada comezará coa presentación da Oficina de Software Libre das Universidades galegas da man do seu coordinador Enrique Estévez quen exporá cales son as actividades previstas desta oficina para o próximo cuadrimestre co obxectivo de difundir o Software Libre nas 3 universidades. A continuación, tomará a palabra o xerente de AGASOL, a Asociación Galega de empresas de Software Libre, Luis Alberto Fernández, quen realizará unha breve presentación na que falará sobre a asociación e os proxectos que está a levar a cabo.
A continuación comezará o primeiro bloque da xornada, coa participación das empresas A navalla suiza, Sdweb, Openhost e Xercode, onde cada unha explicará brevemente como utiliza o software libre, dará unha visión dos proxectos nos que está involucrada e explicará porque decidiu apostar polo software libre. Para rematar este bloque, realizarase unha mesa redonda coas empresas participantes nas que se debaterá sobre o Emprendemento con Software Libre.
No segundo bloque, profesionais do software libre falaran sobre a súa experiencia con software libre, sobre porque se decidiron a formarse nestas tecnoloxías e como e porque colaboran coas comunidades de software libre. Para rematar realizarase unha mesa redonda sobre as Oportunidades de traballo para o profesional do software libre.
O programa é o seguinte:
- 16:00 Presentacións: OSL das universidades galegas e AGASOL
- 16:30 Empresas galegas e Software Libre
- A navalla suíza (Álvaro Gómez)
- Sdweb (Antonio Carro Mariño)
- Openhost (David Martínez Carballo)
- Xercode
- 17:30 Mesa redonda: O emprendemento con Software Libre
- 18:30 Profesionais galegos do Software Libre
- Álvaro Gómez (A navalla suíza)
- Roberto Brenlla (Tegnix)
- Adrián Novegil (IT Noroeste)
- Francisco Diéguez (Openhost)
- 19:30 Mesa redonda: Oportunidades de traballo para o profesional do software libre
Estas xornadas forman parte das actividades que a OSL do CIXUG realiza ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.
