Mancomún

Xornadas Multimedia con Software Libre na FIC da UDC

Venres, 8 Xullo 2011

Cartel das Xornadas Multimedia 2011 organizadas por GPUL

Como xa vos informamos o pasado mes de xuño GPUL organiza un ano máis as “Xornadas Multimedia con Software Libre”.

As xornadas celebraranse durante o mércores 20 de xullo de 11:00 a 19:15 horas na aula de graos da Facultade de Informática da UDC.

Trataranse temas tan variados como a introdución aos reprodutores multimedia, motores 3D, edición de vídeo en software libre, a experiencia de Dygrafilms con Blender ou HTML5.

O programa completo das xornadas é o seguinte:

  • 11:00 Apertura das Xornadas Multimedia
  • 11:30 Introdución a reprodutores multimedia multiplataforma. Impartida por Serafín Villar (GPUL). Unha introdución a diversos reprodutores, tanto de audio coma vídeo. Todos os reprodutores que se verán dispoñen de versión nativa para varios sistemas operativos/plataformas, centrándose naqueles que se poidan atopar nas tres máis empregadas: GNU/Linux, MacOS e Windows.

  • 12:15 Motores 3D Open Source: Posibilidades Reais. Impartida por Jorge Parada Fernandez (FREAKS Party). Charla/coloquio sobre os motores de videoxogos open source e as súas vantaxes e desvantaxes no mundo comercial e desenvolvemento de videoxogos. Mencionaranse algúns dos motores máis coñecidos NON OpenSource a modo de comparación como poden ser UDK, CRYEngine, BlitzBasic, DarkBasic, Dev, etc.
  • 13:00 Xantar
  • 15:00 Cinelerra: editando vídeo e dando guerra. Impartida por Alejo Pacín Jul (GPUL). Breve introdución á edición de vídeo con editores libres e pequena demostración de edición con Cinelerra.
  • 16:00 Introdución ao desenvolvemento de aplicativos interactivos con software libre (ou non). Impartida por Antonio Seoane Nolasco (Profesor Fac. Ciencias Comunicación – UDC). Describiranse os pasos do proceso de desenvolvemento dun aplicativo audiovisual interactivo, discutindo as posibilidades e as carencias existentes no software libre para o desenvolvemento dos traballos.
  • 17:30 Blender: proxecto piloto. Impartida por Juan Carlos Pena Babío (Dygrafilms). Relatorio onde se falará da experiencia de Dygrafilms con Blender: probas de implantación, funcionalidades e compatibilidades con outros programas 3D.
  • 18:30 HTML 5 e as novas etiquetas multimedia. Impartida por Francisco Sobrino (alumno da FIC). O novo estándar HTML está moi enfocado a poder acoller ao, cada vez maior, contido multimedia co que contan as actuais páxinas web. Nesta charla veranse cales son eses novos elementos e darase unha pequena introdución a como empregalos.
  • 19:15 Peche das xornadas

Estas xornadas forman parte das actividades que GPUL realiza co financiamento da Xunta de Galicia a través do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal