Mancomún

Xornadas sobre Arduino en Ordes

Luns, 31 Outubro 2011

A asociación Inestable de Ordes organiza un barcamp de Arduino o vindeiro sábado día 5 de novembro, co que esta asociación da un novo paso na súa relación coa temática relacionada cos robots realizando unha introdución na filosofía do hardware libre da man de Arduino.

Cartel das Xornadas de ArduinoAsí, o pasado ano realizou obradoiros de programación de robots con software libre coa plataforma LeJos, e este ano xa se achegou a Arduino cun relatorio nas VIII Xornadas de Software Libre de Ordes.

O vindeiro sábado 5 de Novembro durante todo o día (de 0:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas) na Casa da Cultura de Ordes celebrarase unha xornada de introdución a Arduino co formato barcamp. Un Barcamp é unha reunión que xorde do desexo da xente de compartir e aprender nun ambiente aberto. Estrutúrase nu ambiente informal de forma que sexa posible a participación de xente con diversos perfís de coñecementos que sen a rixidez dun programa completamente pechado, poden intervir nas discusións, realizar demostracións, alentando en todo momento a interacción de todos os participantes.

Nesta ocasión cóntase coa presenza dos poñentes a Oscar González e a AlexTC de BricoGeek que exporán os seguintes temas:

  • Introdución á electrónica
  • Presentación da plataforma Arduino
  • Montaxes típicas e iniciación á robótica
  • Presentación e explicación do robot Orugas
  • Comunicación sen fíos mediante Xbee
  • Presentación de módulos de expansión e material diverso

Ao tratarse dunha xornada con formato barcamp, os temas non están pechados, polo que todo o que dispoña de experiencias que contar, proxectos que amosar … relacionados con Arduino será benvido.

Esta xornada forma parte das actividades que Inestable desenvolve ao abeiro do Convenio de Colaboración das AGUSL coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia incluído dentro do Plan de Acción FLOSS 2011.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal