Mañá venres 25 de novembro dende as 16:00 horas celebraranse no Centro Social Novacaixagalicia, na rúa Policarpo Sanz 24-26 en Vigo as xornadas sobre «Desenvolvemento Web, PHP, HTML5 e Symfony2» organizadas pola asociación GALPon e coa colaboración de Novacaixagalicia, Ultreia e Tegnix
Estas xornadas teñen como obxectivo fomentar o interese sobre o excelente «framework» Symfony e crear unha comunidade activa ao seu redor con vistas a celebrar “meetups” periódicas, coñecer as necesidades de empresas e profesionais respecto á súa formación nesta ferramenta, así como coñecer empresas a nivel nacional, realizar «networking» e en resumen sentar os alicerces dunha iniciativa de colaboración profesional.
Symfony2 é un «framework» de desenvolvemento web PHP, mais tamén é unha filosofía de traballo e unha comunidade próspera. Symfony2 é moito máis rápido que outros frameworks, proporcionando unha flexibilidade e escalabilidade extraordinarias. Está a espertar moito interese como demostra o éxito das xornadas en Castellón realizadas os pasados días 1,2 3 de xullo do 2011, que contaron cunha participación duns 170 asistentes, superando ás do ano anterior, así como o éxito de convocatoria destas xornadas a celebrar en Vigo que superaron todas as expectativas, e para as que houbo que pechar a inscrición aos poucos días de abrila por motivo de aforo, xa que se superaron os 50 inscritos para unha sala de 30 persoas.
O programa das xornadas inclúe unha serie de charlas técnicas e amenas realizadas por relatores con gran experiencia en Symfony2:
- Javier Eguiluz @javiereguiluz (Vitoria-Gasteiz Area, Spain)
- Nacho Martín @nacmartin (Múnich, Alemania – Limenius)
- Javier López @loalf (Córdoba, Spain – flai webnected)
- Raúl Fraile @raulfraile (Alicante, Spain)
Sen dúbida serán unhas xornadas moi enriquecedoras para todos os asistentes. Non só pola gran oportunidade de coñecer o novo «framework» e comezar a utilizalo, senón de coñecer a outros profesionais ou empresas do sector coas mesmas inquietudes. Por iso haberá expositores tanto de curriculums como de ofertas de emprego dispoñibles para os asistentes.
Ao peche das xornadas as empresas e os asistentes poderán darse a coñecer cunha breve presentación (10 minutos) xusto antes da mesa redonda; onde se poderá comentar os proxectos realizados en Symfony2 ou outros produtos da empresa, e os intereses de cada empresa así como os perfís profesionais que busca.
Programa completo:
Venres 25 de novembro
- 16:00 – Presentación e inicio
- 16:15 – Instalación e primeiros pasos. Por Javier López
- 17:00 – O Modelo. Doctrine2. Por Nacho Martín
- 17:45 – Descanso
- 18:00 – «Twig» Avanzado. Por Javier Eguiluz
Sábado 26 de novembro
- 09:00 – componentes (inyector de dependencias, la autocarga de clases, formularios, validadores, etc… ). Por Javier López
- 10:00 – «Backend». Por Javier Eguiluz
- 11:00 – Descanso
- 12:00 – Micro«framework» Silex. Por Nacho Martín
- 13:00 – Optimización y rendimiento. (Assetic, caché, opt. de imágenes, …). Por Raúl Fraile
- 14:00 – Comida
- 16:30 – Symfony2, interacción con CSS, JS y HTML5. Por Raúl Fraile
- 17:30 – Git en detalle, Github y colaboración con la comunidad Symfony2. Por Nacho Martín
- 18:30 – Descanso
- 18:45 – Presentación de proxectos (Exemplos como Bandness, WirelessGalicia S.L.)
- 19:30 – Mesa Redonda
Para obter máis información consulte a seguinte ligazón: http://linki.to/syfy
