Mancomún

Xoves Libres: Wikimaratón da Galipedia na UDC e modelos de negocio con software libre

Martes, 7 Abril 2015

Cartel da wikimaratón da Galipedia na UDCGPUL ten xa unha axenda completa de eventos para o mes de Abril para o seu ciclo dos Xoves Libres.

Así temos un relatorio para o primeiro dos xoves deste mes, Modelos de negocio colaborativos. Por que o Software Libre domina no mercado?, da man de Roberto Brenlla.

Mais tamén anunciaron xa unha importante actividade a celebrar os días 16 e 17 de abril en colaboración coa Galipedia, da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña. Trátase da primeira Wikimaratón da Galipedia na UDC.

Modelos de negocio colaborativos. Por que o Software Libre domina no mercado?

Cartel da xornada de modelos de negocioTerá lugar o xoves 9 de abril a partir das 17:00 horas no laboratorio 0.1w da Facultade de Informática. O obxectivo é achegarlle a aqueles que están a por en marcha un proxecto empresarial relacionado co software, as alternativas que existen aos modelos de negocio tradicionais, respectando as liberdades do posible cliente e incluso axilizando o desenvolvemento e a expansión dunha iniciativa empresarial baseada en software libre.

Para iso contan coa colaboración de Roberto Brenlla, coñecido experto nos modelos de negocio con software libre. Roberto, estudou económicas na Universidade de Santiago de Compostela, presidiu a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) durante varios anos e leva toda a súa vida adicado ao software libre, converténdose nun experto no tema.

Roberto foi un dos fundadores da empresa galega Tegnix, adicada a consultoría baseada en software libre e a xestión de sistemas en contornos empresariais, traballando tamén en proxectos para a administración pública como o proxecto Abalar da Xunta de Galicia con máis de 75.000 equipos administrados remotamente e actualmente traballa como Freelance experto en estratexias Software Libre e Open Source.

Wikimaratón da Galipedia na UDC

De xeito similar ao evento organizado o pasado mes de febreiro por GALPon na cidade de Vigo, desta volta, é GPUL coa colaboración da Galipedia, da Facultade de Informática da Universidade da Coruña e co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, quen organizan as primeiras xornadas "Coñece a Galipedia na UDC".

Trátase, en palabras dos organizadores, dunha mestura entre unha xornada de portas abertas e unha wikimaratón da Galipedia co obxectivo de achegar a enciclopedia libre en galego a todos os interesados.

A xornada terá lugar os días 16 e 17 de abril de 2015 na Facultade de Informática da Universidade da A Coruña. As prazas son limitadas, polo que dende a organizacion animan a todas as persoas interesadas en anotarse canto antes.

Os actos contarán cunha charla de introdución á edición da Galipedia e con actividades máis avanzadas como a introdución ao manexo de bots. Tamén se fará unha pequena wikimaratón de artigos relacionados coa Universidade da Coruña e outros temas, como a informática, e terá lugar a entrega de premios e a presentación dos traballos gañadores do concurso Wikinformática, enfocado á visibilización do papel da muller nas TIC entre o estudantado de secundaria.

A asistencia e participación neste evento pode ser de forma presencial e tamén de forma remota en liña. A organización recomenda a asistencia presencial para poder aproveitar mellor este evento, ter a oportunidade de coñecer a outros wikipedistas e darlle visibilidade ao proxecto. En calquera caso, é necesario inscribirse na lista de participantes e ter previamente creado un usuario da wikipedia, podes facelo aquí.

O programa de actividades desta xornada é o seguinte:

Xoves 16 de abril

  • 17:00-17:30 Introdución á Galipedia e á edición co Editor visual (Elisardo Juncal, Galipedia)
  • 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
  • 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
  • 19:30-19:45 Avaliación da xornada

Venres 17 de abril

  • 16:00-17:00 Entrega de premios e presentación dos traballos de Wikinformática
  • 17:00-17:30 Introdución ao uso de bots na Galipedia (Roi Ardao López "Banjo", Galipedia)
  • 17:00-17:15 Planificación e distribución do traballo de edición
  • 17:15-19:30 Edición dos artigos propostos ou doutros de interese para os asistentes
  • 19:30-19:45 Avaliación da xornada
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal