Mancomún

Zabbix (1/4) : Orientación ITIL da supervisión de servizos

Luns, 30 Outubro 2017
Zabbix (1/4) : Orientación ITIL da supervisión de servizos

Hoxe estreamos unha serie de artigos tecnolóxicos nos que nos centraremos na ferramenta Zabbix, que está dispoñible no Centro Demostrador TIC Virtual para a súa proba e avaliación por parte das empresas galegas, e do que xa publicamos un artigo de casos de éxito en semanas anteriores.

Neste serial faremos unha análise acerca dos puntos fortes e as particularidades desta ferramenta de monitorización remota de servidores empezando polo seu enfoque ITIL, parándonos tamén nos detalles de deseño do seu sistema, a súa política de seguridade e as súas particularidades en contornas de alta dispoñibilidade. Con esta serie de artigos pretendemos facilitar a compresión do funcionamento e prestacións que ofrece esta ferramenta e poñela á vosa disposición. Estes artigos profundan nos detalles técnicos desta ferramenta na que entidades do noso tecido empresarial están xa na actualidade a basear as súas infraestruturas de supervisión TIC. Así mesmo existen empresas da nosa rexión que basean parte ou toda a súa liña de negocio na prestación de servizos baseados en Zabbix, dende a implantación e o soporte ata a adaptación avanzada do servizo.

Zabbix foi creado no ano 1998. Logo de tres anos de desenvolvemento chegaría a liberación do seu código baixo a licenza GNU General Public License (GPL) versión 2, no ano 2001. O seu autor, Alexei Vladishev, creouno coa visión da construción dun Sistema de Monitorización de Redes. Cando se traballa conforme ITIL é importante o manexo da súa propia linguaxe así como dos conceptos que se manexan. O éxito dunha ferramenta na súa incorporación nun modelo de goberno IT depende en gran medida de que esta se adapte o máis posible ás operativas definidas na IT da organización. Así pois o sistema de supervisión non só debe dar resposta ás necesidades intrínsecas de supervisión dos equipos da infraestrutura IT senón que tamén debe dar esa resposta nos termos e a linguaxe establecida polo goberno IT.

Zabbix bebe directamente de conceptos fundamentais do conxunto de boas prácticas e fundamentos para xestión dos servizos da información que se coñece como ITIL. Zabbix está explicitamente enfocado a este tipo de escenarios onde o goberno dos servizos de IT réxese por un conxunto estandarizado de operativas de común aplicación por todas as organizacións do sector da información.

Panel de control

panel de control de Zabbix adáptase plenamente a ITIL. Conceptos como os SLA, auditoría de accións, o control de acceso á información, catalogación, provisión e inventariado, escalado de incidencias e composición dos Elementos de Configuración do IT son manexados de xeito nativo por Zabbix. Isto permite que a ferramenta se poida incorporar doadamente en calquera entorno onde xa se estean aplicando prácticas ITIL xa que o transvase e implementación das novas operativas sobre a nova ferramenta adoitarán a ser facilmente adoptadas por parte dos operadores da plataforma de IT.

Colas

Un exemplo práctico moi esclarecedor pode ser a xestión de alertas e as colas de notificación. En Zabbix pódese definir perfectamente os niveis e métodos de escalada das alertas e segundo o tempo dende o inicio do problema. Así, pódense establecer diferentes tipos de comunicacións para as alertas (SMS, correo electrónico, mensaxeira instantánea etc) e establecer as preferencias entre uns e outros segundo o persoal involucrado: Avisos no móbil só para emerxencias, correos para erros menores, notificacións ao responsable de área en caso de que o problema persista durante un tempo establecido etc.

Monitorización all-in-one

É probable que a base do éxito de Zabbix estea construída a partir da capacidade que ten este software para a integración e soporte de distintos protocolos de xestión e supervisión remota. Protocolos como SNMP, IPMI, JMX, Web, POP, IMAP, HTTP, SSH, Telnet, HTTP etc todos eles teñen cabida dun modo nativo en Zabbix.

Mapa de rede en Zabbix

O usuario pode caer na conta de que nos atopamos fronte a unha ferramenta capaz de centralizar toda a operativa de xestión e supervisión do parque de dispositivos IT dunha organización dunha forma integral e coherente. E é que Zabbix é quen de supervisar todo o stack IT da compañía dende os pequenos dispositivos de rede, ata a propia monitorización de aplicacións Web, pasando por sofisticados pasivos de rede como switches, routers e firewalls, aplicacións JAVA2EE, e mesmo a xestión física dos servidores con interface IPMI, converténdose nun verdadeiro todo nun.

Solución profesional

A supervisión e control dos servidores e equipos de rede que temos nunha organización é unha das actividades máis importantes para o bo funcionamento da infraestrutura tecnolóxica. Zabbix é quen de ofrecer unha solución profesional completamente Open Source, coa capacidade para xestionar e medir o rendemento e a dispoñibilidade dos servidores, equipos, aplicacións e bases de datos. Máis aínda, ofrece características avanzadas de supervisión, xestión de alertas e visualización da información, que incluso, algunhas das mellores aplicacións comerciais deste tipo non ofrecen.

Como ferramenta de software libre dedicada á monitorización, permite supervisar e rexistrar o estado de varios servizos nunha rede de ordenadores, servidores ou hardware da propia rede. Entre as súas características, destacan a capacidade de verificar a dispoñibilidade de recursos, o nivel de resposta dos servizos IT coma, por exemplo, aplicacións web ou o correo electrónico, a visualización de datos estatísticos como o histórico de uso de CPU, uso de disco ou o tráfico de rede, e a supervisión e soporte a través de múltiples protocolos como SNMP, TCP, ICMP ou SSH e Telnet.

En resume, Zabbix é un dos competidores máis serios no sector dos Sistemas profesionais de monitorización e supervisión IT e o é sendo un produto construído en código aberto con outras tecnoloxías coma Zenoss Core, Cabot, Pandora FMS, Munin, Icinga, collectd e Nagios. Basta cunha rápida consulta das tendencias en Google sobre estas ferramentas para ver claramente a evolución crecente de Zabbix como referente do mercado en detrimento dos antigos referentes.

E con isto imos rematado por hoxe coa introdución a Zabbix como ferramenta de supervisión IT orientada a ITIL. A semana que vén continuaremos falando de Zabbix centrándonos na súa arquitectura e profundando nas súas características como software de monitorización.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal