O plan de migración a unha solución completa de escritorio de fontes abertas no Concello de Zaragoza vai por moi bo camiño. Todos os funcionarios públicos da cidade utilizan xa ferramentas de código aberto, incluíndo Thunderbird, VLC, Firefox e OpenOffice. Para finais deste ano o 25% dos PC de escritorio da cidade mudarán de sistema operativo cara a unha solución GNU/Linux.
No pasado Gnome 3.0 Marketing Hackfest presentaron o proxecto de migración a software libre do Concello de Zaragoza do que se fan eco no OSOR.
Segundo as palabras de Eduardo Romeu, coordinador do equipo TIC encargado de levar a cabo este proxecto, son moitas as vantaxes dun proceso como o que están a desenvolver eles, por exemplo di "unha gran organización como a nosa aforrará significativamente nas licenzas, tanto no medio como no longo prazo". A cidade de Zaragoza, que decidiu migrar ao código aberto en 2006, até o momento utilizou os aforros que lle supón este proceso de migración para pagar o proceso en si, explica Romeu.
O escritorio de fontes abertas está a facer a administración municipal máis flexible. "Estamos constantemente mellorando e adaptando os nosos procesos de negocio para satisfacer as necesidades dos nosos usuarios. Na antiga plataforma privativa era difícil ofrecer novas formas e alternativas para que os usuarios se autentiquen. Con todo, co software libre, este servizo pode empregarse para, por exemplo, administrar as configuracións de software determina polo tempo, a dirección de rede, o usuario, o servizo e outros parámetros. "
É moito máis fácil de administrar equipos de escritorio de código aberto, afirma Romeu. "Facendo uso dun servidor web e algunhas ferramentas de código aberto, é posible distribuír e xestionar todas as aplicacións e configuracións de todos os escritorios. Temos o control central sobre os escritorios e ao mesmo tempo somos quen de proporcionar a cada usuario un sistema personalizado".
“Non é posible migrar todos os aplicativos a unha plataforma de fontes abertas. Por exemplo, ferramentas de Deseño Asistido por Computador ou de Recoñecemento Óptico de Caracteres, non se poden substituír por alternativas libres. Mais si é posible que convivan solucións libres e privativas. Se realmente non atopamos unha opción libre, resolvemos empregando VirtualBox e Wine para facilitarlle ao usuario o emprego da súa aplicación privativa.”
Romero explica tamén que hai unha considerable resistencia ao cambio nas infraestruturas de escritorio. “Temos que explicarlles aos usuarios finais, técnicos, xestores e a practicamente a todo o mundo. Descubrimos que o medo, a incerteza e a dúbida (FUD) son unhas efectivas ferramentas para entorpecer o noso progreso. Afortunadamente, os nosos políticos promoven e apoian as nosas políticas TIC para migrar a software libre. Ter e manter este apoio político é crucial á hora de superar as dificultades de todo proceso de migración.”
Fonte: OSOR
