Mancomún

A Xunta lanza o Plan anual de Software libre

Luns, 17 Febreiro 2025
A Xunta lanza o Plan anual de Software libre

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2025, que recolle diferentes actuacións para promover o emprego e reutilización de software libre nas administracións públicas; impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para o tecido empresarial, e incrementar o seu uso e coñecemento entre a cidadanía.

Portada do Plan de Acción Software libre 2025

O Plan desenvólvese en colaboración cos principais axentes do ecosistema de software libre galego, como a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL), ou as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL). Entre as actividades previstas está a tradución de Software Libre; a organización de xornadas, cursos e obradoiros; accións para o fomento do software libre en proxectos de cooperación; ou a introdución á robótica educativa con software e hardware libre.

Software Libre na Administración

No ámbito da administración, Amtega continuará promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado así como a liberación de novas solucións TIC desenvolvidas pola administración pública galega para facilitar a súa reutilización por outras administracións ou entidades.

A Oficina de Software Libre seguirá sendo o punto central de coordinación e dinamización de todas estas iniciativase e tamén o punto de contacto para resolver calquera cuestión relacionada neste ámbito.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás empresas mellorar en eficacia e competitividade. Ademais, incrementarase a oferta de solucións dispoñibles no servizo de proba de aplicacións na nube (apeiria.mancomun.gal), que permite ás empresas galegas acceder de balde a instalacións de proba de diferentes ferramentas de software libre para avaliar se cobren as súas necesidades.

Tamén se seguirá a fomentar o establecemento dunha comunidade InnerSource en Galicia, despois do éxito das iniciativas levadas a cabo no ano 2024 e o interese por parte das empregas galegas. As iniciativas InnerSource teñen como obxectivo mellorar os procesos das empresas, apoderándose das técnicas de xestión dos proxectos de software libre.

Software Libre para a cidadanía

Entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, seguiranse potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT. O portal Mancomún seguirá sendo o punto central de difusión e información e incorpora a sección Axenda, un calendario centralizado con todas as actuacións relacionadas co software libre en Galicia.

Balance do Plan de Software Libre 2024

Xunto co plan 2025 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2024.

O pasado ano leváronse a cabo máis de 140 actividades en colaboración co ecosistema galego de Software Libre, nas que participaron máis de 3.500 persoas.

Puntos principais do balance

O portal Mancomún foi o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, con máis de 250 novas publicadas ao longo do ano, entre artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún. No ano 2024 publicáronse 17 novos programas do podcast. O Repositorio Documental segue a crecer, con novos e interesantes recursos sobre Software Libre.

Durante o ano 2024 tamén se puxo en marcha o novo boletín de software libre, unha newsletter mensual, á que se pode subscribir a través do portal, para recibir puntualmente todas as novas importantes do software libre en Galicia, na conta de correo electrónico.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal