Mancomún

ANFAIA impulsará o talento xove en Intelixencia Artificial

Martes, 28 Xaneiro 2025
ANFAIA impulsará o talento xove en Intelixencia Artificial

A asociación ANFAIA propón impulsar o talento novo en Intelixencia Artificial cun innovador programa de bolsas en Galicia. A Asociación ANFAIA quere dar un paso decisivo na innovación tecnolóxica en Galicia e, para iso, lanza un programa de bolsas de verán centrado no desenvolvemento de proxectos de Intelixencia Artificial (IA). Esta iniciativa busca potenciar o talento de estudantes e emprendedores galegos, ofrecéndolles a oportunidade de crear solucións innovadoras en catro áreas estratéxicas: cultura, arte, saúde e robótica.

Áreas de actuación

O programa, que comezará no verán de 2025 cunha duración de dous meses, outorgará bolsas valoradas en 5.000 euros cada unha. Os proxectos seleccionados desenvolveranse baixo a filosofía do código aberto (open source), garantindo que os seus beneficios revertan directamente na comunidade.

Áreas de actuación

Os proxectos centraranse en catro ámbitos principais:

  • Cultura: Exploración de novas formas de crear, compartir e experimentar a cultura galega a través da IA.
  • Arte: Desenvolvemento de proxectos na intersección entre a expresión artística e a intelixencia artificial.
  • Saúde: Implementación de solucións innovadoras que melloren a calidade de vida da cidadanía.
  • Robótica: Creación de sistemas intelixentes que combinen IA e robótica para automatizar e optimizar procesos.

Compromiso coa sustentabilidade e a ética

Un aspecto distintivo do programa é o seu firme compromiso coa sustentabilidade e a ética. Os proxectos deberán demostrar a súa contribución á loita contra o cambio climático e garantir un desenvolvemento ético da IA, aspectos fundamentais para construír un futuro máis responsable e sustentable.

Mentoría de excelencia

Os bolseiros contarán co apoio dun grupo de mentores de recoñecido prestixio nos seus respectivos campos, que guiarán o desenvolvemento dos proxectos e compartirán a súa experiencia cos participantes.

Presentación do programa

Próximamente realizaranse eventos de presentación nas principais cidades galegas:

  • Vigo: 27 de xaneiro, 6:30pm. Sede de Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 24 – 26).
  • Santiago de Compostela: 28 de xaneiro, 11:00am. Salón de actos ETSE (Rúa de Lope Gómez de Marzoa, s/n).
  • A Coruña: 28 de xaneiro, 3:30pm. Aula de Graos, Facultade de Informática. UDC (Camiño do Lagar de Castro, 6).

Natureza dos proxectos

Os participantes desenvolverán software, modelos de intelixencia artificial e contidos para o adestramento de modelos, todo baixo licenzas de código aberto. Este enfoque garante a transparencia e permite que os beneficios da investigación e a súa aplicación sexan accesibles para toda a comunidade.

Para máis información:
prensa@anfaia.org

Cartel do evento
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal