O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), organiza un curso de “Administración avanzada de sistemas operativos Linux – LPIC2”, en modalidade de teleformación.
Este curso oficial constitúe o itinerario formativo e de certificación deseñado pola organización internacional Linux Professional Institute (LPI) para a correcta preparación do seu nivel profesional avanzado de certificación LPIC-2: Linux Engineer.

O curso oficial Linux LPIC-2 traslada aos asistentes os coñecementos necesarios para configurar un servidor Linux conectado á rede (interna ou internet) para que preste á súa empresa servizos esenciais como correo electrónico, servizos web, redes privadas virtuais VPN, SSH, DNS, servidores de arquivos Samba ou NFS con LVM e/ou RAID, etc.
Dirixido a usuarios de sistemas Linux que desexen adquirir coñecementos avanzados na administración de servidores Linux de alcance corporativo, concretamente no referente á administración e mantemento habitual, así como á configuración e posta en funcionamento de servizos como email, web, vpn, etc.
Para un máximo aproveitamento do curso, é recomendable que os/as asistentes dispoñan de coñecementos medios e experiencia no manexo de sistemas operativos Linux a un nivel equivalente aos adquiridos mediante o curso de Administración de Linux – Certificación LPI Nivel 1
O programa de formación de LPI está especialmente deseñado para proporcionar os coñecementos e habilidades necesarios para administrar calquera das distribucións dos sistemas operativos Linux e as súas ferramentas asociadas.
Ao finalizar o curso, as/os asistentes adquirirían competencias profesionais para:
• Administrar contornas de rede medianas
• Planificar, manter e asegurar unha rede mixta (Microsoft /Linux)
• Instalar e configurar os servidores de rede Samba, Firewall, Proxy, Correo, News, Web e FTP
• Xestionar e tomar decisións nun departamento TI con Linux
