Continuamos coa publicación dunha serie de entrevistas e infografías que fixemos a varias persoas da comunidade de software libre, para coñecer as ferramentas que empregan no seu día a día nas súas tarefas habituais, o impacto que tivo o software libre na súa vida, consellos para empezar neste mundo e a súa relación con proxectos libres.

Esta entrevista fixémola a Evelio Sánchez:
“Arquitecto pola Escola Técnica Superior de A Coruña. Compaxina a súa labor de consultor en ediliciaBIM, coa xestión do seu despacho de arquitectura, SPA Planeamento.”
– Cales son as tres ferramentas de software libre que máis utilizas no teu día a día e para que as usas?
– Logseq. Levo rexistro de reunións, anoto procedementos, seguemento de tarefas, anotacións, etc.
– Keepass XC. Xestión de contrasinais. Imprescindible!
– Visual Studio Code. Bloc de notas, editor de código, ás veces incluso cliente de SSH.
– Que funcionalidades valoras máis ao elixir unha ferramenta de software libre?
Que me permita facer as mesmas tarefas que calquera outra alternativa dispoñible con licenza comercial, ainda que non sexa exactamente igual.
– Coñeces algún recurso (web, blog, podcast…) que che fora especialmente útil para aprender máis sobre software libre ou descubrir novas ferramentas?
Específicamente enfocado ao software libre, unha escolma de perfís interesantes nas redes sociais. Uns levan a outros, pero por destacar algún máis achegado ao meu sector, recomendo seguir a conta de X de @OSArchOrg.
– Cres que o software libre tivo un impacto positivo na túa vida profesional ou persoal?
Estou convencido. Moitas das ferramentas que emprego no meu día a día son software libre ou teñen relación con tecnoloxías abertas. O meu interese por estas tecnoloxías e a profundización no coñecemento das mesmas ten feito que outros profesionais me fagan chegar as súas dúbidas ou inquedanzas ao respecto, polo que sinto valorada a miña opinión profesional e experiencia ao respecto.
– Algún proxecto de software libre no que esteas especialmente interesado/a e do que che gustaría compartir información?
Pola miña actividade profesional, ligada ao sector da construción, sigo con especial interese dou proxectos. Por unha parte, os traballos por conseguir facer de Blender unha ferramenta de modelado 3D para a construción, de xeito máis concreto, unha ferramenta de modelado de información BIM por medio do plugin BlenderBIM estanse dando pasos moi prometedores ao respecto. Por outro lado, a librería de código aberto IFC.js, que permite a xestión de modelos en formato IFC, un formato aberto de intercambio de datos para o eido da construción, coa que temos posto en marcha, por exemplo, o proxecto [I❤️IFC](https://iloveIFC.com).

– Utilizas algún sistema operativo libre no teu día a día? Cal usas e por que?
Malia que non é aberto e aquí choverán pedras, o meu día a día é sobre sistema OSX, que, se non estou moi equivocado, é un derivado de BSD. De todos os xeitos, todos os servidores cos que traballo para os proxectos nos que ando liado traballan baixo algún sabor de Debian.
– Que desafíos enfrontaches ao adoptar ou utilizar software libre, e como os superaches?
Os principais desafíos viñeron polo meu entorno. Eu son convencido das bondades do software libre desde os tempos de Hispalinux, porén tocoume convencer a moitos outros de que as ferramentas non so non eran inferiores en características senon que en moitos casos tiñan unha grande vantaxe sobre as súas homólogas comerciais.
– Que importancia das á privacidade e seguridade ao elixir ferramentas de software libre?
Máis que a privacidade, que tamén, o que valoro máis positivamente do software libre en relación coa seguridade e a xestión que se fai dos meus datos é que teño a certeza de que ao estar exposto o código é moito máis doado atopar os posibles furados polos que se “escape” a información, e que non haberá ninguén interesado en que non se saiba delo. Se calquera pode inspeccionar o código, teño claro que non é doado que pase desapercibido un erro ou unha mala práctica, cousa que non teño tan clara con software que funciona como unha caixa negra.
– Contribuíches algunha vez ao desenvolvemento ou mellora dunha ferramenta ou proxecto de software libre, como foi a túa experiencia?
Participei de xeito moi puntual nalgunhas traducións ao galego que penso que nin estarán xa dispoñibles, porén onde máis penso que colaboro é na difusión do coñecemento deste tipo de ferramentas. Non son programador e os meus coñecemoentos non chegan para aportar no código así que trato de aportar onde teño posibilidades: na difusión e co uso de ferramenntas de código aberto. Penso que un xeito de axudar tamén é usar as ferramentas, canto máis normalizadas estean, máis doado será facer ver que son unha alternativa perfectamente equiparable a moitas solucións comerciais.
– Que consello lle darías a alguén que está interesado en comezar a utilizar software libre pero non sabe por onde empezar?
Que empece por buscar.
Podedes ver o resto das entrevistas nesta ligazón.
