Continuamos coa publicación dunha serie de entrevistas e infografías que fixemos a varias persoas da comunidade de software libre, para coñecer as ferramentas que empregan no seu día a día nas súas tarefas habituais, o impacto que tivo o software libre na súa vida, consellos para empezar neste mundo e a súa relación con proxectos libres.

A cuarta das entrevista fixémola a Sergio Fernández:
“Son Sergio Fernández Alonso, morador no rural, pai de 2 e técnico de proxectos da Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia, onde fago labouras de deseño, seguimento e dinamización de proxectos que tratan de poñer a tecnoloxía ao servizo do ben común e os dereitos humanos.”
Cales son as tres ferramentas de software libre que máis utilizas no teu día a día e para que as usas?
– Sistema operativo Ubuntu. Libreoffice. Navegador firefox. Todo para traballo
Que funcionalidades valoras máis ao elixir unha ferramenta de software libre?
– Facilidade de uso e apoio da comunidade cando hai dúbidas
Coñeces algún recurso (web, blog, podcast…) que che fora especialmente útil para aprender máis sobre software libre ou descubrir novas ferramentas?
– Estar en Enxeñería Sen Fronteiras foi o recurso máis útil. Sobre webs, en Mancomún se atopan cousas interesantes, e tamén https://alternativeto.net/. Hai anos, cando empecei no tema, algúns blogues.
Cres que o software libre tivo un impacto positivo na túa vida profesional ou persoal?
– Si, neste caso o impacto directo foi o acceso máis sinxelo e gratuito a moitas aplicacións de uso habitual, cunha comunidade grande detrás
Algún proxecto de software libre no que esteas especialmente interesado/a e do que che gustaría compartir información?
– Bancos de Reciclaxe Electrónica con Software Libre

Utilizas algún sistema operativo libre no teu día a día? Cal usas e por que?
– Ubuntu, porque foi co que me introducín nos S.O. libres e xa me quedei con el
Que desafíos enfrontaches ao adoptar ou utilizar software libre, e como os superaches?
– O maior tal vez fora a adaptación a novas aplicacións que, se ben tiñan funcionalidades similares ás que eu usaba, implicáronme perder durante un tempo bastante productividade (sobre todo nalgúns casos onde era usuario bastante avanzado). O mesmo no propio sistema operativo, que precisa ademais de máis coñecementos para determinadas operacións e hai que adicarlle máis tempo. Os superei porque me gusta a filosofía do software libre e no meu entorno laboral tamén é o que primaba, contando ademais con persoas de apoio que facilitaron esa migración
Que importancia das á privacidade e seguridade ao elixir ferramentas de software libre?
– Até agora non demasiada, pero nos últimos meses empecei a ser máis consciente deste tema
Contribuíches algunha vez ao desenvolvemento ou mellora dunha ferramenta ou proxecto de software libre, como foi a túa experiencia?
– Hai bastante tempo algunha tradución moi pequena, case nin o lembro…
Que consello lle darías a alguén que está interesado en comezar a utilizar software libre pero non sabe por onde empezar?
– Que se acerque a algún grupo de usuarixs de SL, con xente todo é máis sinxelo
Podedes ver o resto das entrevistas que fixemos a outras persoas, nesta ligazón.
