OSOR publicou a última actualización sobre o estado do software libre (OSS) en Irlanda, como seguimento do primeiro informe publicado en 2020.

Neste informe aparecen as últimas tendencias e avances no uso e desenvolvemento do OSS polo sector público irlandés. En particular, información sobre como estes novos avances están motivados por un cambio cultural cara á centralidade no usuario e a reutilización na prestación dixital de servizos públicos no país. Aínda que as mencións directas ao software libre nos documentos de estratexia dixital de Irlanda son limitadas, os temas de interoperabilidade, reutilización e transparencia son recorrentes. Isto reflíctese, sobre todo, no programa “Build to Share” de Irlanda e no seu compromiso coa iniciativa multilateral GovStack, que fomentan a creación de solucións dixitais reutilizables para o sector público de Irlanda.
Tamén é importante destacar o traballo da Open Ireland Network no apoio ao goberno irlandés para o desenvolvemento de habilidades e coñecemento en OSS, así como no achegamento á comunidade de software libre en Irlanda. Open Ireland Network creou, en colaboración co goberno irlandés, unha Comunidade de Práctica para os funcionarios públicos.
Este informe foi enriquecido coa valiosa contribución de Tony Shannon, Director de Servizos Dixitais da Oficina do Director de Información do Goberno de Irlanda; así como de Clare Dillon e Michael Meagher de Open Ireland Network.
 
					 
		 
			
 
			 
				