Mancomún

Girl STEAM, derrubando estereotipos

Martes, 27 Xullo 2021
Girl STEAM, derrubando estereotipos

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) está desenvolvendo, en colaboración coa Amtega, o programa Girl STEAM, que procura motivar as vocacións tecnolóxicas e científicas entre a rapazada.

As xornadas celebraranse nos meses de xullo, agosto e setembro a través de obradoiros formativos prácticos presenciais en 18 concellos galegos.

imagen

O aforo máximo por quenda será de 10 persoas e terán lugar, sempre que sexa posible, nas aulas CeMIT da Xunta. Os lugares e as datas de celebración dos obradoiros de Girl STEAM están dispoñibles na web CeMIT, desde onde se poderá reservar praza.

Programa

Nestes obradoiros tomarase contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, creando circuítos en papel, programando os seus propios videoxogos con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou creando cómics interactivos coa makey makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch) e outros inventos.

imagen

Terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos, máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran ou uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM

De xeito transversal, Agasol e Amtega buscan motivar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, especialmente entre as rapazas, para que aposten por carreiras STEAM (siglas en inglés de (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) e polas profesións do ámbito TIC.

Este ano, como novidade, engádese a A de artes, xa que se considera que a creatividade e as artes forman parte do desenvolvemento social e económico actual.

Máis información

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal