Do 24 ao 26 de xaneiro de 2025, o Centro Social de O Gorgullón, en Pontevedra, acollerá a 5ª edición da HobbyPont Global Game Jam, un evento gratuíto que reunirá a entusiastas e profesionais de toda Galicia para crear videoxogos nunha fin de semana. Desenvolvedores, ilustradores, guionistas, músicos e outros creativos terán a oportunidade de unirse ao movemento global da Global Game Jam, onde milleiros de persoas participan simultaneamente desde todos os recunchos do mundo.

O encontro comezará o venres 24 de xaneiro ás 15:00 horas, momento no que se revelará o tema desta edición. Desde ese instante, os participantes disporán de 48 horas para traballar en equipo e transformar as súas ideas en videoxogos completos. O evento finalizará o domingo 26 ás 17:00 horas, coa presentación das obras creadas.

Imaxe da edición anterior da HobbyPont Global Game Jam
Segundo Evelio Sánchez, membro da organización do evento, “cremos que no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto como nicho de lecer como en posibles alternativas laborais”. Esta iniciativa busca fomentar a creatividade, o traballo colaborativo e a innovación, destacando o potencial do sector dos videoxogos como motor económico e cultural.

Imaxe da edición anterior da HobbyPont Global Game Jam
A HobbyPont Global Game Jam celebra a súa quinta edición consolidándose como un espazo inclusivo onde mozos e non tan mozos, con ou sen experiencia, poden participar na creación de videoxogos. Ademais, o evento promove a colaboración entre disciplinas tan diversas como a programación, o deseño gráfico, a música e a narrativa.

Imaxe da edición anterior da HobbyPont Global Game Jam
A convocatoria é totalmente gratuíta e está aberta a persoas maiores de idade, con calquera nivel de experiencia e ganas de participar en 48 horas de creación. As persoas interesadas poden atopar máis información ou rexistrarse para participar na páxina web oficial.
 
					 
		 
			
 
			 
				