LareiraConf debutará o 22 de marzo de 2025 no Paraninfo da Universidade da Coruña, propoñéndose como o epicentro da comunidade tecnolóxica galega. Este evento, organizado por Sysarmy Galicia e GPUL, coa colaboración de Python Coruña e CoruñaWTF, reunirá a destacados relatores e participantes do sector IT para explorar temas de actualidade e fomentar conexións para crear comunidade.

Un evento para conectar a comunidade tecnolóxica
Na súa primeira edición, LareiraConf reunirá a desenvolvedores, estudantes e profesionais do sector IT nun formato de charlas cun único track. Abordaranse temas como:
- Software libre
- Deseño de videoxogos
- DevOps e Data
- Aspectos legais e desenvolvemento profesional
Relatores destacados
- David Bonilla: Fundador da Bonilista e TRG.
- Jose Sendin: Avogado especializado en dereito tecnolóxico.
- Brais Moure: Desenvolvedor multiplataforma e divulgador con máis de 2M de seguidores.
- Cristina Barreiro: Desenvolvedora de videoxogos con experiencia en Riot Games e Bandai Namco.
- Jose Manrique: Experto en open source e colaborador en múltiples proxectos.
Ademais das charlas, LareiraConf contará con espazos de networking deseñados para fomentar o intercambio de ideas e a creación de conexións entre os asistentes.
O equipo
Somos un grupo de apaixonados pola tecnoloxía, cada un na súa área, pero unidos por un obxectivo común: crear espazos onde as comunidades locais poidan conectarse e compartir ideas. Así naceu LareiraConf, un proxecto que comezou cunha chispa nunhas admincañas (como non podía ser doutro xeito) e que nos levou ata aquí.
Queremos que este evento sexa ese punto de encontro onde xurdan ideas e conexións que inspiren a todos. Detrás de cada charla, de cada detalle, está o noso compromiso por facer de LareiraConf un evento memorable para a comunidade.
