Mancomún

Novo plugin de Moodle para tradución automática

Martes, 11 Febreiro 2025
Novo plugin de Moodle para tradución automática

Un novo plugin para a plataforma de eLearning Moodle permitirá a tradución automática dos materiais de formación a distintas linguas da UE. Este complemento, dispoñible como software libre en code.europa.eu, traduce non só a interface principal de Moodle, senón tamén os contidos da plataforma.

captura de pantalla de etranslation

O plugin emprega eTranslation, o servizo de tradución automática neuronal da Comisión Europea, pero pode ser adaptado para conectarse a outros motores de tradución. Xa está en uso na “Better Training for Safer Food ACADEMY” (BTSF), unha iniciativa formativa para mellorar o coñecemento e a aplicación das normas da UE en seguridade alimentaria, sanidade vexetal, benestar animal e o enfoque One Health.

A BTSF ACADEMY, financiada e xestionada pola Dirección Xeral de Saúde e Seguridade Alimentaria da Comisión Europea (DG SANTE), ofrece arredor de 150 cursos para o persoal das autoridades competentes nos Estados Membros e noutras entidades relacionadas coa seguridade alimentaria. O plugin foi desenvolvido polo equipo da BTSF ACADEMY para DG SANTE e lanzado o Día Europeo das Linguas en 2023.

BTSF

“A maior parte do contido da BTSF ACADEMY créase en inglés, o que pode supoñer unha barreira para os participantes”, explica Gabor Zsolt Nagy, líder do equipo de desenvolvemento da BTSF ACADEMY.

“Co noso novo plugin, os participantes poden acceder aos materiais de formación no seu propio idioma, facilitando a aprendizaxe, a comprensión e a difusión do contido”, engade. En 2024, arredor dun 25% dos participantes empregaron a tradución automática proporcionada polo plugin, e esta cifra segue en aumento.

Este plugin pode ser de interese para calquera organización que empregue Moodle e teña acceso ao servizo eTranslation da Comisión. “Non será difícil adaptar o código para outros motores de tradución”, asegura Kelemen. O equipo está a rematar a documentación e prepara a súa subida a code.europa.eu. “E, ao igual que Moodle, compartiremos o software publicamente baixo a Licenza Pública Xeral de GNU (GPLv3)“, conclúe Nagy.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal