Hoxe celébrase o día mundial do software libre. Pero por se acaso non o sabes xa cho digo eu, o software é libre.
Cando se empezou a desenvolver o mundo da informática, os ordenadores eran aparellos moi caros que case non cabían nun cuarto. Un par de fabricantes repartíanse o mercado dese hardware, porque naquel momento o software non valía nada por si mesmo. Nese momento o software era libre.
A cousa seguiu avanzando, os ordenadores empezaron a mudar o tamaño, cada vez eran máis pequenos e a sua capacidade de procesamento máis grande. Chegamos á década dos 70, aparece o PC, o personal computer, a posibilidade de levar os ordenadores aos fogares. Ao mercado do hardware empezan a chegar máis fabricantes, o software pouco a pouco empeza a ser compatible entre equipos e daquela vira en importante.
De súpeto alguén pensa que o negocio xa non está tanto no hardware senón no software, así que decide collelo e metelo en caixas para vendelo. Xunto cuns textos amplos e de tamaño de letra moi pequena que establecen as condicións baixo as que, unha vez mercado, podes facer uso do mesmo. Porque ti mercáchelo pero non é teu. Ti tan só tes unha licenza de uso.
Desde ese intre chega unha época escura, na que o software xa non é libre. Pero igual que nos cómics de Astérix, hai unha aldea de irredutibles Galos que non están dispostos a deixarse conquistar polo imperio. Son o movemento do Software Libre.
Grazas a eles o software resistiu e non todo virou en privativo. Mais foron tempos difíciles porque o imperio tentou acabar con estes bravos Galos de moitos xeitos.
Finalmente, e como ben sabemos pola historia, todos os grandes imperios acaban caendo, ou mudando. Hoxe en día esas grandes corporacións que quería acabar co software libre, son as que máis contribúen no seu desenvolvemento. Cousas veredes.
Vivimos agora nun tempo onde o hardware está na nube e o software emprégase para crear servizos, que é onde está o negocio. O software deixou de ser un fin para ser un medio e por tanto xa pode ser libre de novo. Non hai mal que por ben non veña.
Pero se outra cousa nos ensinou a historia é que dunha forma ou de outra todo se repite. Cando un imperio cae outro xa está empezando a medrar. Por iso agora que o software volve a ser libre, non podemos baixar a garda. Nas nosas mans está conseguir que esta situación perdure. Non venceu a filosofía senón a conveniencia e polo tanto este statu quo é aínda feble.
Nas nosas mans está facer ver que este modelo funciona, que se pode facer negocio liberando o software, que pode ser igual ou aínda máis seguro a pesar de que o código fonte sexa público, que facilita e potencia moito máis a innovación. En definitiva, que é o modelo que nunca se debeu abandonar.
Porque o software sempre foi libre.
— Pablo Sanxiao
Irredutible Galo. Coordinador da Oficina de Software Libre
