O sábado 23 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, terá lugar un obradoiro sobre montaxe do escornabot HFD, unha nova versión do clásico robot educativo con diversas vantaxes técnicas.
O taller desenvolverase na zona maker da Domus (na Coruña), e poderemos asistir de forma presencial ou de forma online. Hai dispoñibles 20 prazas (ata un máximo de 10 en modalidade online).

Entregarase todo o necesario para seguir o taller de montaxe do robot, aínda que quizais prefirades levar algúns utensilios ou ferramentas cos que vos sintades cómodos, como o voso propio computador, soldador, polímetro, ferramentas pequenas…
Dadas as características do escornabot como ferramenta pedagóxica, darase preferencia ás persoas que traballan no mundo da educación.
Escornabot-HFD
Escornabot HFD é un proxecto nado coa celebración [Hardware Freedom Day](Hardware Freedom Day) para mellorar, construír e conquistar o mundo co Escornabot.
Grazas ao convenio AGUSL entre a Xunta de Galicia a través da AMTEGA e diversas asociacións e grupos de usuarios de software libre en Bricolabs puidemos cubrir os gastos asociados ao desenvolvemento e probas do proxecto e unha pequena tirada de kits.
A celebración do HFD é a escusa perfecta para marcar fitos relacionados con FLOSHS (Free Libre Open source Hardware e Software). Con este motivo, dende Bricolabs propoñemos Escornabot-HFD como unha oportunidade para:
- Desenvolver unha nova versión “verde” da PCB Escornabot que poida funcionar con baterías recargables
- Recoller as experiencias do que supuxo a edición Escornabot-HFD

Escornabot
Escornabot é un proxecto de código/hardware libre e aberto cuxo obxectivo é achegar a robótica e a programación aos nenos e nenas. Naceu en Bricolabs Hacklab nun memorable día de xullo de 2014. O Escornabot básico pode programarse cos botóns para executar secuencias de movementos. A partir de aquí, a imaxinación é o único límite nas posibilidades.
Parécese moito a algúns robots educativos comerciais, pero é moito mellor por varias razóns. Entre elas:
- Podes facelo ti cos teus alumnos, fillos, curmáns pequenos… Calquera pode axudar participando no proceso dende o principio. O pracer de fabricar o teu propio escornabot fai que sexa unha experiencia estupenda, sobre todo se hai nenos participando.
- É un proxecto de hardware aberto (OSHW) e software libre (FOSS) e podes adaptar as súas características ás túas necesidades: poñerlle sensores, leds, cambiar a apertura do ángulo de xiro, a distancia que avanza… calquera cousa que se che ocorra. Calquera (incluíndoche a ti) pode contribuír á súa evolución. Se queres achegar algún agarimo a este proxecto, en forma de novas funcionalidades, redeseño, documentación ou o que sexa, estaremos encantados de coñecer as túas ideas e suxerencias.
- É (por prezo) máis asequible que outros robots educativos comerciais. Montar un escornabot pode custar menos de 30 € se sabes onde comprar os compoñentes. Este prezo non é o seu valor porque leva tempo de traballo e outros custos indirectos como a impresión de pezas 3D.
Inscrición
O formulario de inscripción está na páxina do Escornabot HFD:
https://hfd.escornabot.com/gl/#taller
