Mancomún

Obradoiro de programación por bloques Snap e microblocks

Luns, 10 Febreiro 2025
Obradoiro de programación por bloques Snap e microblocks

En colaboración coa Industriosa, Galpón está organizando un obradoiro sobre programación por bloques. Este obradoiro estará dirixido por Bernat Romagosa (@bromagosa@mastodont.cat).

logo de snap

No seu momento, non hai moitos anos, falar de «Scratch» e de «programación con bloques» eran sinónimo un da outra; ademais falabamos sempre de liberdade. A partires da publicación da v.2.x de Scratch, esta deixou de ser «realmente» libre, xa que estaba programada en flash e dependía de «Adobe AIR» (estritamente privativo), que, por se fose pouco, deixou de estar dispoñíbel para GNU/Linux.

Nesta situación, Jens Mönig e Brian Harvey reescribiron Scratch empregando html5 e javascript, dando lugar a un «fork» realmente libre: Snap! BYOB2. Neste momento o Scratch vai xa pola v.3.x, desta volta cun forte apoio económico por parte de Google, o que leva a que Scratch só desenvolva toda a súa potencia se se emprega no navegador ou no S.O Chrome de Google, e non existindo aínda un sistema «offline» oficial que poida ser executado nun S.O. libre (Si hai alguna proposta particular coma «Scratux».

Pouco a pouco o Snap! foi medrando, e hoxe en día é o sistema de programación por bloques máis potente, mantendo a liberdade como bandeira e mantendo a mesma facilidade para a programación pola xente miúda, pero engadindo funcionalidades que fan que sexa axeitado para unha introdución seria á informática para estudantes de secundaria ou universidade.

A pesares do dito, Snap! segue a ser ignorado, deixándose a xente, especialmente o mestrado, levar pola «popularidade» do Scratch, e deixando de lado o concepto de liberdade.

Por todo isto, en GALPon decidimos organizar unha Conferencia/obradoiro/sesión maxistral a cargo de Bernat Romagosa, desenvolvedor dos proxectos Snap!, Snap4arduino co padriñazgo de EDC3 (Education Development Center) e BJC4 (The Beauty and Joy of Computing) así como do MicroBlocks. Nesta xornada desenvolverase unha lección teórica sobre Snap e Snap4arduino e a seguir unha sesión práctica de MicroBlocks con placas micro:bit.

A organización disporá dalgunhas placas micro:bit e CPX para prácticas. Disporemos tamén dalgún trebello CoCube para que os coñezades (Tentaremos dispor de algúns para prácticas se for posíbel).

Estrutura do obradoiro

A xornada dividirase en dúas partes, Na primeira, farase unha sesión divulgativa (relatorio + demos) sobre Snap! Na segunda desenvolveremos un obradoiro práctico con MicroBlocks, con menos «leria» e máis «cacharreo».

Requisitos de asistencia

Os participantes teñen que traer o seu propio computador portátil (ver na parte final desta nota as Recomendacións técnicas, relativas ao software a empregar).

Data: sábado 26 de abril (se se considera oportuno, continuará no domingo 27, só de mañá)

Sábado, relatorio de: 10 a 12

Sábado, hora inicio obradoiro: 12:00

Sábado, hora remate obradoiro; 19:30

Duración total: 7h 30min (9h 30m incluído o tempo do xantar)

Prazas dispoñíbeis: 40

Lugar: A Industriosa

Rúa Gregorio Espino 38, entresollado 3 (36205 Vigo, Pontevedra – Galicia)

Inscrición

De balde, e imprescindíbel que vos inscribades. Para inscribirse tedes que ir á nosa páxina de eventos en Mobilizón e anotarvos neste evento, premendo no botón Participa. A data límite será a do 18 de abril ás 12 da noite, sempre que non se esgoten as parazas antes.

Máis información

Na web do evento.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal