Mancomún

openCEM, ferramenta libre para apoiar a transición enerxética

Martes, 11 Marzo 2025
openCEM, ferramenta libre para apoiar a transición enerxética

openCEM é unha ferramenta de Modelado de Expansión da Capacidade (Capacity Expansion Modeling – CEM) de código aberto, desenvolvida por ITP Renewables, que permite a planificadores de sistemas enerxéticos, responsables políticos, reguladores e desenvolvedores de proxectos realizar modelos completos para obter información sobre como facer a transición dos sistemas eléctricos cara a enerxía baixa en carbono.

logo de opencem

En 2023, o goberno de Samoa contratou a ITP, a través do Departamento de Asuntos Exteriores e Comercio de Australia (DFAT), para desenvolver unha versión de openCEM adaptada ás necesidades das súas axencias de planificación enerxética a longo prazo.

Os países insulares do Pacífico Sur enfróntanse a desafíos críticos debido ao cambio climático: a subida do nivel do mar, a seguridade económica e enerxética, e a súa gran dependencia do diésel, un combustible caro, contaminante e vulnerable a interrupcións. A transición ás renovables permite aumentar a resiliencia enerxética, asegurando un subministro fiable e estable, reducir os custos da electricidade e os bens, e garantir unha infraestrutura enerxética sostible a longo prazo.

foto aérea de placas solares e árbores

openCEM busca democratizar o debate sobre as renovables e a transición enerxética, ofrecendo unha alternativa ao software propietario e caro que se usa actualmente. A escasa dispoñibilidade de ferramentas de modelado abertas impide cuestionar os modelos publicados, que poden estar sesgados cara a certas políticas ou tecnoloxías.

Ao ser código aberto, permite que outros o usen, melloren e compartan coñecemento, creando unha comunidade de investigadores e profesionais interesados.

openCEM usa a Licenza Pública Xeral de GNU (GPL) para garantir que o software sexa sempre libre. Isto permite que calquera poida executalo con calquera finalidade, estudalo e modificalo segundo as súas necesidades, redistribuír copias para axudar a outras persoas e compartir versións modificadas para que toda a comunidade se beneficie das melloras.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal