A AMTEGA celebrará o día 20 de xuño na sala Eisenman da Cidade da Cultura, en horario de 10.30 a 12.30 horas, unha xornada de presentación das iniciativas en materia de Inner Source que porá en marcha nos próximos meses.
Nesta xornada presentarase ao tecido empresarial galego as vantaxes do emprego de técnicas de Inner Source así como as iniciativas que a Axencia porá en marcha para axudar á súa adopción. A xornada conta co respaldo da fundación internacional InnerSource Commons, coa que a AMTEGA vén traballando conxuntamente para a elaboración destas iniciativas.

Programa da xornada
• 10:30 Apertura institucional
• 10:45 Introdución ao concepto de Inner Source
Daniel Izquierdo – Presidente InnerSource Commons
• 11:30 Iniciativas InnerSource AMTEGA
Pablo Sanxiao – Oficina Software Libre AMTEGA
• 12:00 Aperitivo e agasallo
A inscrición ao evento pode facerse a través da seguinte ligazón:
https://i.gal/inscricion-innersource
Inner Source
Pódese definir o concepto Inner Source como a aplicación das mellores prácticas de desenvolvemento de software, que se dan nos proxectos de software libre, ao ámbito interno dunha organización. O software resultante de cara a fora pode ser software libre ou seguir sendo software privativo, pero dentro dos límites internos da organización os procesos de desenvolvemento son abertos, seguindo a filosofía dos proxectos de software libre.
O principal motivo para adoptar estas prácticas é que está altamente contrastado que o modelo de desenvolvemento do software libre facilita a innovación e a alta calidade no software.
InnerSource Commons

Esta gran adopción por parte de moitas entidades foi o que fixo nacer toda unha comunidade, liderada pola InnerSource Commons, unha fundación internacional baixo a que todas estas grandes corporacións colaboran dende o ano 2015 para compartir boas prácticas e seguir contribuíndo a que a comunidade medre cada vez máis.
A Amtega vén traballando man a man con esta fundación nos últimos meses para a elaboración das liñas de traballo e iniciativas que se presentarán na xornada. Estas actuacións súmanse ao resto de liñas de traballo establecidas no Plan Anual de Software Libre, no apartado específico adicado ao sector empresarial e que se veñen realizando de xeito anual.

Se queres saber máis sobre InnerSource Commons, nos podcast de Mancomún temos publicada unha entrevista a Dani Izquierdo falando sobre o tema.
