A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre a convocatoria de axudas, para a realización de proxectos, que teñan por obxectivo a realización de actividades de difusión e fomento do uso do software e hardware libre en Galicia. Esta convocatoria de carácter bianual, que comprende as anualidades 2025 e 2026, está dotada con 90.000 euros.

Poderán acollerse a estas subvencións ás asociacións galegas de usuarias/os de software libre, coñecidas habitualmente como AGUSL, que estean formadas por persoas físicas, correctamente rexistradas no rexistro de asociacións de Galicia, e que teñan recollido nos seus estatutos, como un dos seus obxectivos principais, a difusión ou fomento do software e hardware libre.
O prazo de presentación, segundo se recolle nas bases, é de 1 mes dende o día de publicación no DOG.
Dita solicitude terá que facerse a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, a través do procedemento AP400E e achegando a documentación correspondente, segundo especifican as bases da convocatoria. As asociacións interesadas poden contactar coa oficina de software libre da Amtega (a través da dirección de correo: software.libre@xunta.gal) para calquera aclaración que precisen ou axuda no proceso.
Actuacións subvencionables
Terán a consideración de actuacións subvencionables os proxectos ou actividades destinadas ó fomento do uso do software e hardware libre na Comunidade Autónoma de Galicia, en concreto as que encaixen nos seguintes puntos:
• Organización ou participación activa en congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares, de promoción e divulgación do software e hardware libre. A participación neste tipo de actividades deberá vir avalada pola importancia do evento nacional ou internacionalmente dentro da comunidade do Software Libre.
• Asistencia a congresos, xornadas, conferencias, obradoiros ou eventos similares de recoñecido prestixio dentro da comunidade do Software Libre.
• Elaboración de contidos divulgativos e/ou formativos, que deberán publicarse cunha licenza de documentación libre aprobada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Así mesmo, as fontes deste material deberán ser postas a disposición da devandita Axencia en formatos abertos para que poidan ser difundidos a través das canles precisas ao efecto.
• Desenvolvemento ou localización de proxectos de Software Libre que puidesen resultar de interese para a consecución dos obxectivos perseguidos nesta resolución. Calquera software desenvolvido no marco desta resolución deberá ser publicado cunha licenza libre aprobada pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative e publicado no Repositorio de Software Libre de Galicia.
Como novidade desta convocatoria, e en resposta ás necesidades expresadas polas asociacións, tamén se subvencionará a adquisición de material inventariable, e os seus correspondentes funxibles, sempre e cando se vaia a empregar para a realización de actividades que son obxecto da subvención. O importe máximo de gastos para material está limitado en función do orzamento previsto para as actividades que cada asociación propoña no seu proxecto, seguindo as condicións que se especifican nas bases.
Plan Anual de Software Libre
Esta convocatoria de subvencións enmárcase dentro das actuacións que a Amtega desenvolve, anualmente, no Plan de acción en materia de Software Libre, que define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.
 
					 
		 
			
 
			 
				