
Esta acción formativa, de trinta horas de duración e con 29 matriculados, foi dirixida a profesores de ciclos formativos de informática pero tamén da rama electrónica ou administrativa e está pensada para que os docentes comproben que poden facer o mesmo en GNU/Linux ca en Windows e que pode ser unha ferramenta importante e de fácil manexo para a súa actividade educativa. Dado o diverso coñecemento sobre Software Libre dos matriculados, algúns segundo nos contan sabían máis ca eles, optouse por comezar desde cero e partir dun nivel básico.
Segundo Carlos Carrión o obxectivo de mínimos do curso sería que cada profesor tivese, cando menos, un arrinque dual no seu computador con GNU/Linux e Windows é que se decate de que pode funcionar sen dificultades cun sistema operativo libre. Por unha banda ensinóuselle aos alumnos todo o que Linux pode ofrecer en canto a aplicacións e potencialidades. Por outra banda que en Linux pódese traballar cun sistema de usuarios polo que pode acceder ás súas aplicacións e aos seus documentos en calquera outro computador.
Os responsables do curso tentaron cambiar un pouco a metodoloxía didáctica. En anteriores accións formativas tentábase facer documentación que fose click a click describindo os diferentes procesos que se levaban a cabo. Esta vez optouse por un wiki que, segundo nos conta Antonio de Andrés, ten coma vantaxe ademais do dinamismo que ten este formato dixital sobre o papel o feito de poder ser ampliados e actualizados. De feito recoñecen que a documentación xerada excede os propios límites do curso pero que servirá de referencia para os alumnos e permitirá engadir contidos novos de xeito periódico.
Tentouse evitar en todo momento a temida consola de comandos e recorrer a aplicacións gráficas como as distros Ubuntu ou Mandriva e a administración de sistemas Unix Webmin. Procurouse poñer máis sinxelas posibles como adaptar o menú contextual que sae ao premer co botón dereito para que apareza a opción de abrir como superusuario.
Software Libre nos centros
Os responsables do curso confirman o crecente interese polo Software Libre entre os ensinantes. Explican que este cambio é lento pero que debe ser así para que o cambio non sexa traumático e contraproducente por iso os materiais didácticos prestan atención a tecnoloxías híbridas que nun primeiro momento poden servir de chanzo intermedio para a migración.
O factor clave según afirma Antonio de Andrés é a vontade dos usuarios de cambiar, algo que cada vez é máis palpable, ao existir xa unha tecnoloxía que permite un fácil manexo das ferramentas informáticas. Sen embargo os hábitos adquiridos fai que a xente vexa os defectos de Linux e non os de Windows simplemente porque son problemas novos e o usuario xa leva investido moito tempo no sistema propietario. É máis, avogan por destruír o mito de que Linux é un sistema perfecto xa que isto funciona como arma de dobre fío para as persoas que se enfrontan con el por primeira vez. Simplemente se trata dun sistema operativo cos seus defectos e evidentes vantaxes.
Quizais a clave estea no que apunta Carlos Carrión: cando os usuarios menos interesados na informática e sen especial interese na informática accedan coa mesma facilidade a un computador con Linux que a un con Windows terase acadado a igualdade.
