A área de e-learning do
CESGA está traballando na preparación dun
contorno virtual baseado en Software Libre, que permitirá, entre outras cousas, mellorar tanto a comunicación intrafamiliar como a comunicación entre as familias e o equipo de psicólogos da Universidade de A Coruña. Tamén posibilitará o acceso a información e servizos personalizados de asistencia, consultoría, etc. para as familias con persoas con diversidade funcional…
Este traballo enmárcase no proxecto de investigación “Estudio e análise do impacto da utilización das TIC na atención ás persoas con discapacidade e ás súas familias: Calidade de Vida e Autoxestión”. O proxecto depende da Consellaría de Innovación e Industria e nel participa a
Unidade Clínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista e Xerais do Desenvolvemento da Universidade de A Coruña (UDC), co obxectivo principal de analizar en que medida o emprego axeitado das TIC nas familias con persoas con diversidade funcional contribúe á mellora da calidade de vida dentro do microsistema familiar. Para acadar este obxectivo, no marco do desenvolvemento do proxecto, dotouse a un grupo de familias con persoas con diversidade funcional de formación, equipamento informático e acceso a Internet de alta velocidade.
O contorno consta de dúas seccións, unha pública á que pode acceder calquera persoa, con información xeral sobre o proxecto, e outra restrinxida á que só poden acceder os participantes nesta iniciativa. Esta última parte está dotada de ferramentas de información e comunicación síncronas –chat de texto, multiaudioconferencia- e asíncronas –foros, taboleiros de novas, etc.- dentro dun contorno de aplicacións orientadas á participación activa e enfocadas aos usuarios finais.