Este sitio web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies gárdase no teu navegador e realiza funcións como recoñecelo cando volves ao noso sitio web e axudar ao noso equipo a comprender que seccións do sitio web che resultan máis interesantes e útiles.
Hoxe preséntase en Abegondo o novo portal oficial do concello desenvolvido baixo tecnoloxías libres. O Concello de Abegondo está integrado na comunidade PISTA Administración Local, proxecto iniciativa do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio en colaboración co Ministerio de Administracións Públicas que ten como obxectivo achegar a administración electrónica aos pequenos e medianos concellos en colaboración coas entidades supramunicipais, potenciando o uso do software libre, o reaproveitamento de código e o desenvolvemento colaborativo.
O portal emprega a ferramenta PISTA Local +, froito da cesión de software da Deputación Provincial de Huesca á Federación Española de Municipios e Provincias co obxectivo de ampliar as funcionalidades que ofertaba a anterior versión de PISTA Local. Para a implantación o concello contou coa asistencia técnica da empresa coruñesa CORUNET , que levou adiante o deseño do sitio, a tradución da ferramenta ao galego, e a súa personalización e adaptación ás necesidades específicas do concello. Tódolos desenvolvementos, adaptacións e melloras están á disposición da comunidade do proxecto Pista Local no seu sitio web.
A web coida a accesibilidade e pode accederse a ela a través de múltiples dispositivos coma teléfonos móbiles ou PDA. Pretende ser un punto de encontro entre a cidadanía e a administración local polo que conta cunha oficina virtual para potenciar a administración electrónica e permitir a realización de xestións tales coma a petición do volante de empadroamento, pedir cita co alcalde ou inscribirse nas escolas municipais, culturais e deportivas.
No financiamento deste portal participaron a Consellería de Innovación e Industria a través da liña de axudas para a creación ou renovación dos portais dos concellos galegos en internet, o Ministerio de Administracións Públicas por medio dos Proxectos de Modernización Administrativa Local e o propio concello. A Deputación da Coruña colabora co aloxamento do sitio.
