Os voluntarios do Entrans de Mancomun.org acaban de traducir todas as cadeas do programa Gcompris. Trátase dunha ferramenta informática que contén actividades educativas para nenos de entre 2 e 10 anos ao redor das matemáticas, a xeografía ou a ciencia que xa está dispoñible en galego. A tradución será posta en breve a disposición de toda a comunidade e é resultado do curso sobre Entrans para profesorado non universitario.
As consellerías de Educación e Innovación colaboraron na organización deste curso sobre Entrans, ferramenta de tradución colaborativa de software, no que se inscribiron uns 150 profesores de ensino non universitario. Colgáronse de aquela tres proxectos de tradución: o editor de blogs de multiautoría B2evolution, o programa para crear mapas conceptuais Freemind e o Gcompris. O activo labor destes docentes e do resto dos tradutores levou á rápida finalización deste proxecto de tradución e a que os outros dous estean a piques de rematar (o Freemind está ao 89% e o B2evolution ao 90%). Recentemente engadiuse o programa educativo sobre química Genchemlab.
