Mancomún

Preséntase o Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información

O Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) que será presentado hoxe día 27 de marzo polo conselleiro de Innovación e Industria Fernando Blanco ten coma un dos seus piares básicos o emprego do Software Libre e de estándares abertos. O PEGSI marca o camiño de entrada de Galicia nunha nova sociedade baseada nas tecnoloxías da información e da comunicación coma ferramentas para acadar o progreso social e económico da nosa comunidade.
 

A súa adaptabilidade, o seu baixo custe ou a posibilidade de empregar ferramentas informáticas en galego entre outras razóns levaron á Xunta a considerar irrenunciable a adopción do Software Libre na administración. Galicia investirá uns 2,8 millóns de euros na adopción por parte das administracións públicas de sistemas informáticos baseados en estándares abertos. Ademais a súa acción non se limitará á administración autonómica senón que promoverá o código aberto entre os concellos da nosa comunidade. Para dar pulo a este proceso a Xunta favorecerá as propostas tecnolóxicas de Software Libre e dará formación aos seus funcionarios nestas tecnoloxías.

De acordo co PEGSI, a administración autonómica galega creará un comité de seguimento da adopción de estándares abertos por parte da administración pública. Elaborarase asemade un estudo estratéxico da viabilidade da incorporación do Software Libre nas plataformas tecnolóxicas da Administración.

Para acadar unha maior extensión do Software Libre entre as administracións o PEGSI prevé as seguintes actuacións:

  • Valoración da viabilidade e da estratexia de incorporación do Software Libre nas plataformas tecnolóxicas da Administración
  • Desenvolvemento do posto de traballo/escritorio estándar soportado en programas ofimáticos de Software Libre
  • Implantación de solucións baseadas en código aberto nos servidores
  • Implantación e desenvolvemento de servizos públicos electrónicos baseados en plataformas de código aberto.

 Para promover o Software Libre na sociedade as actividades previstas polo PEGSI son:

  • Determinar as áreas máis favorables para a implantación do Software Libre
  • Realizar accións divulgativas e de sensibilización
  • Convocatorias para a implantación de solucións baseadas no Software Libre
  • Promover a creación de comunidades e puntos de encontro arredor do Software Libre para compartir coñecementos
  • Proxectos singulares, con especial fincapé nas actuacións noutros ámbitos do PEGSI, onde se primará o emprego de Software Libre
  • Crear un catálogo dos fornecedores informáticos de Galiza que teñan produtos e servizos na área do Software Libre
  • Primar o desenvolvemento de aplicacións de código aberto nos distintos programas que convoque a Administración galega de apoio á actividade empresarial
  • O PEGSI foi elaborado pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información pertencente á Consellería de Innovación e Industria.
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal