Mancomún

Primeira versión de Sun Report Builder

Hai uns meses, Sun e Pentaho anunciaron un acordo de colaboración, de xeito que a partir do OpenOffice.org 2.3 integraríase a xestión de informes de Pentaho , compañía cunha ampla experiencia en desenvolvemento de ferramentas de Business Intelligence e de xeración de informes.

Como primeiro resultado desta colaboración, acaba de saír a primeira versión dunha extensión para OpenOffice.org 2.3, nomeadamente Sun Report Builder .

Esta primeira extensión non ten a potencia das ferramentas de xeración de informes propias de Pentaho pero é unha gran mellora sobre a xeración de informes previa de OpenOffice.org. Un pequeno inconveniente é que non está dispoñible para versións anteriores á 2.3.

A instalación da extensión Sun Report Builder no OpenOffice.org faise como calquera outra, a través do menú Ferramentas – Xestor de extensións. Unha vez instalada, intégrase directamente no OpenOffice.org Base e accedendo á sección de Informes, na ventá principal de Base, abrirase o novo xerador de informes.

Un punto feble desta extensión é que carece polo momento de axuda en liña ou calquera outro tipo de documentación. Hai un wiki que contén unhas notas iniciais, pero que non se poden considerar documentación.

De todos xeitos é un bo traballo para unha primeira versión aínda que será preciso que desenvolvan esta documentación para poder tirar proveito de todas as súas funcionalidades avanzadas.

Fonte: Linux.com 

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal