
Dentro do marco da
III Conferencia Internacional de Software Libre de Badajoz o
IDABC definirá as bases do futuro Observatorio e Repositorio Europeo de Software Libre nun obradoiro que se desenvolverá o próximo 8 de febreiro. Reuniranse en Badajoz os máximos expoñentes europeos do Software Libre para decidir as liñas de actuación. O programa IDABC ten como obxectivo aproveitar as oportunidades das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións para mellorar a eficacia das administracións públicas e a comunicación entre elas.
IDABC publica recomendacións, desenvolve solucións e proporciona servizos que axudan ás administracións públicas europeas a interactuar axeitadamente. IDABC elixiu realizar o seu obradoiro paralelamente á Conferencia Internacional de Software Libre de Badajoz pola importancia recoñecida por parte da UE, a OCDE, e a ONU das políticas sobre Sociedade da Información de Extremadura. O obradoiro está dirixido fundamentalmente a representantes do sector público interesados na creación de proxectos similares a nivel europeo.
En Galicia contamos dende o pasado 17 de xaneiro cun repositorio galego de Software Libre chamado
A Forxa polo que acudirá un representante galego a este obradoiro.