As bibliotecas públicas estremeñas estarán conectadas entre si cunha aplicación de xestión libre, na que se está a traballar na actualidade e que se prevé que estea en funcionamento o vindeiro ano.
Isto permitirá aforrar miles de euros anuais á Junta de Extremadura, segundo o anuncio feito hoxe en rolda de prensa polo director xeral de Promoción Cultural da Consejería de Cultura, o director de xestión da Asociación de Universidades Populares de Extremadura (Aupex) e a directora do Plan de Alfabetización Tecnológica.
Segundo o director xeral de Promoción Cultural da Consejería de Cultura apostouse desde un principio pola sociedade da información para a modernización da rede de bibliotecas de Extremadura. O obxectivo era que todas as bibliotecas de Extremadura estiveran unidas en rede, cun software de xestión único e cun carné bibliotecario único.
Grazas a un convenio firmado entre a Junta e Red.es para mercar material informático informatizaron 428 bibliotecas das 446 instalacións da rede. O problema é que o software de xestión para esta rede de bibliotecas tan ampla resultaba moi caro e obrigaba á Junta de Extremadura a facer inversións duns 420.000 euros anuais para manter as bibliotecas conectadas o que facía inviable o proxecto e o que xustificaba a aposta polo desenvolvemento dun software específico no que se está a traballar e que terá licenza libre.
Explicou que esta ferramenta de xestión é “complexa”, polo que “é un proceso lento, no que hai moita xente comprometida, e que volverá a colocar a Extremadura na vangarda da investigación de novas tecnoloxías baseadas en Software Libre”. Unha das vantaxes deste software de xestión será a posta en marcha dun carné bibliotecario único, co que se poderá obter información sobre que material ten en préstamo o usuario, non permitirá fraude, xa que a súa información aparecerá en todas as bibliotecas, e ofrecerá a posibilidade de consultar os libros que existen en todas as bibliotecas da rede.
Por suposto, despois de dotar ás bibliotecas co material tecnolóxico, planificouse a formación dos bibliotecarios na utilización de GNULinex de xeito que adquiran as habilidades tecnolóxicas necesarias, despois do cal poderán actuar coma dinamizadores das novas tecnoloxías nos seus centros.
Fonte:Extremadura al día
