Mancomún

Urco Editora: un proxecto editorial galego que aposta polo Software Libre e o Creative Commons

Urco Editora é un proxecto editorial galego de recente creación que aposta fortemente polo software e a cultura libre. Segundo afirma a empresa na súa páxina web todo o proceso de edición dos seus libros  (tradución, deseño, corrección e maquetación) faise exclusivamente baixo o entorno operativo GNU/Linux e con programas libres e de código aberto. 

Aparte do aforro en licenzas, un dos grandes motivos para adopción do Software Libre segundo os seus responsables é que o mundo editorial precisa dunha constante innovación e o Software Libre non só permite esta evolución constante senón que obriga a unha permanente renovación. 

Os sistemas informáticos de Urco Editora funcionan co sistema operativo Ubuntu, empregan Gimp e Inkscape para o deseño, Scribus para a maquetación e OpenOffice.org para a elaboración de documentos.  

Urco publica todas as traducións de textos sen dereitos baixo Creative Commons, xa que consideran “absurdo, pouco ético e regresivo” o uso das licenzas restrictivas de copyright sobre textos que xa se atopan liberados do mesmo.

A liña editorial deste novo proxecto editorial céntrase na literatura fantástica, de ciencia ficción e de terror. As súas publicacións centraranse nos clásicos destes xéneros divididos en tres coleccións: gótica, terror e ciencia ficción. Urco publicará obras de Lovecraft, H.G. Wells ou Edgar Allan Poe entre outros. 

Web de Urco  

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal