Mancomún

http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.pngOs proxectos de Software Libre están caracterizados polo seu desenvolvemento distribuído, aberto, colaborativo e que empregan procesos de traballo baseados na comunidade. Proxectos con tanto éxito como o servidor Apache, GNU/Linux ou PHP teñen un Contorno de Desenvolvemento Colaborativo (Collaborative Development Environment – CDE) que proporciona acceso ao repositorio do código fonte, xestión do coñecemento, listas de discusión, seguimento de erros e soporte ao usuario.

GForge, derivado do paquete SourceForge, é un CDE baseado en web con licenza GNU/GPL. A Forxa de Mancomun.org traballa con este software localizado ao galego. Nestes intres A Forxa conta cun total de 31 proxectos rexistrados e 74 usuarios dados de alta. A participación na Forxa está aberta a calquera que queira participar en proxectos de Software Libre.

No documento “Producing Open Source Software” amósanse os pasos a seguir para desenvolver Software Libre nun contorno de desenvolvemento colaborativo.

En Gforge, e na Forxa por extensión, cada proxecto conta coas seguintes características:

  • Repositorio CVS ou Subversion xerado automaticamente 
  • Control de acceso ao repositorio
  • Xestión do código fonte (SCM)
  • Estatísticas de crecemento do repositorio
  • Envío automático dos cambios a lista de correo empregando os complementos cvssyncmail e svncommitemail.
  • Listas de correo
  • Foros
    • posibilidade de resposta vía correo electrónico

    • múltiples vistas: aniñadas, plana, por fío,…

  • Rastrexadores (Trackers)
    • respostas do rastrexador de ítems vía correo electrónico

    • ligados aos cambios no CVS e SVN empregando os complementos cvstracker e svntracker.

  • Filtros de navegación

  • Control de Acceso baseado en roles para xestionar os membros do proxecto. As distintas partes do proxecto poden ser restrinxidas para controlar o acceso.
  • Xestor de tarefas a través de diagramas de Gantt.
  • Xestión de documentos con colas de aprobación
  • Enquisas
  • Novas
  • Sistema de Publicación de Ficheiros
  • Wiki
  • Interface de Liña de Comandos
  • Integración con Tinderbox
InestableOs días 5, 6 e 7 de abril terán lugar as V Xornadas de GNU/Linux de Ordes organizadas polo grupo de usuarios de GNU/Linux Inestable. Este evento serve tanto coma aproximación para os non iniciados coma para compartir coñecemento en áreas coma a programación web, o deseño gráfico ou redes partindo sempre desde a perspectiva do Software Libre.  As xornadas terán lugar na Academia Sistema de Ordes con horario de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 20:00. O prezo de inscrición é de 5 €.

Este é o programa das xornadas:

Xoves 5 de Abril

9:30 Presentación e entrega do material

10:00 Introdución ao software libre, Salvador Tabarés (Inestable)

12:00 O proxecto Trisquel: Presentación e funcionalidades

16:00 Procesando e mezclando vídeo en tempo real Demo-Taller de DelVJ

Venres 6 de Abril

9:30 Taller de LAMP’s, Óscar Casal (GLUG)

12:00 Seguridade en Gateways: Software Libre vs Software privativo, David Martínez Carballo (Symantec | OUSLI)

16:00 Introdución a CakePHP: o PHP fácil, Toni Martínez Carballo (OUSLI)

18:00 Introdución a AJAX & Prototype, Tomás Vilariño (Mancomun | OUSLI)

Sábado 7 de Abril

9:30 Taller de Inkscape : Introdución ao deseño vectorial libre, Denís Fernández (GLUG)

16:00 Traballando no kernel dentro dunha distribución, Juan Quintela Carreira (RedHat kernel-xen Maintainer | MADS Group Universidade da Coruña)

 

AmigusAmigus, Asociación Informática de As Pontes, celebrará a súa Amigus-Party os días 5, 6 e 7 de abril na que ademais dos habituais concursos de videoxogos haberá un espazo para o Software Libre. No AmiguSoft-Libre, Teo Ramírez falará de Galinux e organizarase unha charla sobre instalación de sistemas GNU/Linux ademais dun obradoiro de instalación de Linux na PS3.

O acto está coorganizado co Concello das Pontes, coa colaboración de A.A.V.V. Campeiras, Openor, Mancomun.org, o Cesga e a Consellería de Innovación e Industria.
O programa do día 6 é o seguinte:

16.00 a 17.00: Galinux-Slax a cargo de Teo Ramírez
– Que é Galinux
– Quen é Galinux
– Para quen é Galinux
– Como se fai Galinux
– Como é Galinux

17.00 a 17.30 pausa/café

17:30 a 20.00 Instalación de sistemas Linux a cargo de jmpello (www.amigus.org)
– Elección da distribución
– Comprobación da compatibilidade do Hardware
– Métodos de instalación
– Particionamento dos discos
– Configuración do arranque
– Configuración da rede
– Elección dos paquetes a instalar
– Configuración do kernel
– Xestión de usuarios e grupos
– Configuración do sistema gráfico
– Configuración do resto do sistema

20.00 a 20.30 pausa/café

20.30 a 21.30 Obradoiro de instalación dun Linux na PS3 a cargo de jmpello e CyberMODE (www.amigus.org) – Backup dos contidos da PS3 – Acadar un DVD de instalación (Yellow Dog, Fedora…) – Proceso de instalación (seguinte > seguinte > seguinte …) – Que podemos facer cun Linux nunha PS3

No gran evento das tecnoloxías da información e da comunicación de Galicia, o Xuventude Galiza Net, celebrado a pasada fin de semana, o Software Libre contou cun protagonismo destacado. O grupo de usuarios Compostela Wireless en colaboración con outros grupos de usuarios de Galicia coordinou unha serie de conferencias e de talleres prácticos que tentaron achegar a cultura e o código libre aos asistentes.
 
Por outra banda unha charla con título O Software Libre: oportunidade económica, social e cultural trouxo ao Palacio de Congresos de Santiago de Compostela a tres expertos de referencia coma son: Jordi Mas, coordinador de Softcatalà, Marcelo D’Elia consultor de tecnoloxía para a Sociedade da Información da Generalitat de Catalunya e Javier Bustamante director do proxecto de investigación Experiencias de inclusión dixital e goberno electrónico nas administracións públicas: un estudo comparado Brasil-España, da Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI).

As charlas coordinadas por Compostela Wireless foron a Presentación de Mancomun.org a cargo do seu coordinador Jesús Arribi,  A internet social, con Daniel Ballobre de Compostela Wireless e Berto Yañez coordinador de Chuza!, Que temos de novo en GNOME e KDE, con Chema Casanova de GPUL e José Millán e Introdución á programación de GNOME, a cargo de Carlos García Campos. 

Os obradoiros abertos de 24 horas consistiron nunha install party permanente, nun obradoiro de instalación de servidores de rede local, outro de creación de routers co, citamos textualmente a web de Compostela Wireless, antigo Pentium de papá e un derradeiro sobre GNU/Linux coma mediacenter. A documentación xerada recompilarase nunha web.

 

A Free Knowledge Foundation / Fundación Coñecemento Libre (FKF) e catro concellos da Sierra de Madrid constituíron o pasado un de marzo o Consorcio Público do Coñecemento Libre e o Software Libre de España (CONSOLE).

Entre os obxectivos do consorcio destaca o fomento e implantación do Software Libre nas administracións locais, para o que levarán a cabo proxectos concretos de desenvolvemento de aplicacións de xestións para o concello, entre outros, todo publicado baixo licenza libre, concretamente GNU/GPL.

O Consorcio, denominado CONSOLE, é unha entidade pública de ámbito estatal, e permite a incorporación de calquera concello do Estado español. Xa amosaron o seu interese multitude de concellos e o proceso de adhesión comezará de modo inminente. A FKF conta cun formulario de solicitude de información.

O Consorcio presentarase publicamente na LibreMeeting2007, un evento que terá lugar o 10 e 11 de maio en Miraflores de la Sierra, Madrid.

Fonte: La Flecha

O pasado venres 30 de marzo tivo lugar na  Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre unha xornada de traballo que reuniu a varias empresas do sector TIC para falar do ERP libre OpenBravo e outras ferramentas de xestión empresarial. Este evento contou coa presenza do community manager de OpenBravo Jordi Mas que falou sobre a alta difusión do produto, que conta con tres partners en Galicia, no mercado global e os retos e oportunidades desta novo xeito de entender o negocio das aplicacións informáticas orientadas ás empresas.
Almorzo Jordi Mas

Na primeira sesión Mas expuxo as principais características do ERP, a súa traxectoria, política de partners, política de expansión… Posteriormente deuse paso a unha mesa redonda onde os participantes intercambiaron ideas sobre a grande oportunidade para a xeración de alianzas empresariais que trae consigo un modelo de negocio non baseado no código senón nos servizos, o problema que supón para a PEME as solucións estandarizadas das grandes empresas de software privativo ou o papel da administración como promotora das TIC.

Tedes na nosa web a  presentación sobre OpenBravo.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal