Mancomún

A CEP achega á PEME o Software Libre desde o punto de vista empresarial

A CEP achega á PEME o Software Libre desde o punto de vista empresarial
A Confederación de Empresarios de Pontevedra celebrou o pasado mércores 11 de abril unha xornada orientada a achegar ás empresas as principais características e vantaxes do Software Libre orientado ao mundo dos negocios.  O evento contou coa presenza da directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, o coordinador do proxecto Mancomun.org, Jesús Arribi, o director da Escola Técnica Superior de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo, Enrique Barreiro e a experiencia real de dúas empresas: unha proveedora de produtos e servizos de Software Libre, Inforede, e unha cliente, a empresa téxtil Rei  Zentolo.
 
Acto da CEP

Elena Veiguela salientou a oportunidade que para Europa e Galicia supón o Software Libre de desenvolver industrias tecnolóxicas locais e repasou algunhas das iniciativas que a súa dirección xeral está a levar a cabo para incorporar á empresa galega á nova economía baseándose nun modelo tecnolóxico aberto. Salientou entre outras iniciativas, Mancomun.org, e a súa actividade de localización de software, asesoría, soporte, dinamización e difusión.

Enrique Barreiro, expuxo o cambio de concepto que supón na industria TIC o Software Libre ao pasar de entenderse o software coma un produto a un servizo. O centro que dirixe subscribiu un convenio con Mancomun.org para recompilar ferramentas de xestión empresarial libres e  facer implantacións experimentais en empresas.

Por último Ramón Pena de Inforede expuxo o seu modelo de negocio e as vantaxes que o código aberto supón para unha micropeme como a súa en termos de difusión, innovación ou documentación. Para Pena liberar un produto non supón unha ameaza senón unha oportunidade de facer negocio dun xeito alternativo ao tradicional. Expuxo aos asistentes un dos seus produtos, un punto de venda para a empresa Rei Zentolo que liberará en breve. Salvador Vázquez, representante desta empresa de deseño e venta de roupa, afirmou que non lles supón un problema que o programa que eles contrataron sexa empregado por outras persoas e considera unha gran vantaxe a independencia do fornecedor que supón que o cliente teña o código e non unha simple licenza.      

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal