“As universidades americanas máis importantes como a de Columbia, Standford ou Harvard xa teñen construído o seu propio campus. Nós comezamos alugando unha pequena oficina dentro dun edificio de I+D onde colocamos paneis informativos e unha mesa rodeada de cadeiras para que calquera cibernauta, especialmente os nosos alumnos, poida facer consultas, asistir á proxección de vídeos e mesmo a titorías”, asegurou o decano de Informática, Enrique Barreiro.
Tres continentes e varias illas ficticias forman este mundo paralelo, no que un entra gratuitamente cun dobre tridimensional, un avatar que xesticula, se move e que pode mercar e vender múltiples produtos, algo semellante a un personaxe do videoxogo Sims, pero cunhas posibilidades ilimitadas. “É o mundo virtual que está a obter máis éxito porque inclúe a opción de xogo, de operacións comerciais e de tarefas educativas”, declarou o decano.
Unha das utilidades é a de complementar a educación, mais as opcións móvense dende ir a exposicións fotográficas, centros comerciais ou discotecas, a comercializar terreos, xogar ás máquinas comecartos e mesmo manter relacións íntimas, acción que usualmente non soe resultar gratuíta, pero que é unha das máis solicitadas.
En todos estes espazos cada avatar contacta con outros personaxes, que son ficticios, pero nos que se agocha unha entidade física real: dende particulares a fortes grupos empresariais. “Como carreira tecnolóxica que somos, debemos estar presentes nese mundo que está levantando tanto interese en empresas como IBM e Toyota, que por exemplo están a suplantar os desprazamentos de miles de quilómetros para ir a unha reunión por xuntanzas nestes espazos virtuais”, afirmou Enrique.
Fonte: DUVI