Até o momento hai 7 proxectos dados de alta no concurso organizado por Igalia, un concurso que consiste na presentación e máis no desenvolvemento dun PFC que cree un novo proxecto de software libre ou ben mellore un existente. O prazo de inscrición abriuse o 31 de marzo e remata o 31 de outubro de 2007; as bases pódense consultar no web de Igalia.
Aparentemente, o incremento de proxectos que están rexistrados na Forxa foi moi notábel a partir da chegada do fin de curso, algo que se debe principalmente ao incentivo do concurso, pois a contía do primeiro premio é de 1.000 €.
Actualmente os proxectos que están rexistrados no concurso son os seguintes:
- Xestor de vendas (TPV)
- Sistema de voto electrónico para Uvigo
- Visitas remotas a través dun robot guía
- Aplicación para xestión dun hotel
- Ferramentas de análise de redes
- Creación de contidos xeolocalizados
- Reinxeñería de Gtranslator.
Por outra banda, cómpre salientar que os últimos proxectos que se engadiron á Forxa non proceden só do ámbito do estudantado na súa totalidade; de entre eles, aqueles que presentan un maior interese son o proxecto Golfiño, o primeiro corrector gramatical para o OpenOffice.org libre para o galego ou o proxecto Corpus, un buscador para corpus lingüísticos baseados en ficheiros .po.
