A forxa chega aos 50 proxectos

A forxa chega aos 50 proxectos
http://www.mancomun.org/images/stories/logo_forxa.pngA Forxa de mancomun.org acadou a cifra de 50 proxectos; o concurso ao mellor proxecto de fin de carreira con software libre está a potenciar a creación de novos proxectos alén de axudar a que a Forxa se faga cada vez máis popular entre o estudantado e as empresas colaboradoras. Deste xeito, estase a dar un respaldo ao software libre galego e a comunidade está sendo máis activa.

Até o momento hai 7 proxectos dados de alta no concurso organizado por Igalia, un concurso que consiste na presentación e máis no desenvolvemento dun PFC que cree un novo proxecto de software libre ou ben mellore un existente. O prazo de inscrición abriuse o 31 de marzo e remata o 31 de outubro de 2007; as bases pódense consultar no web de Igalia.

Aparentemente, o incremento de proxectos que están rexistrados na Forxa foi moi notábel a partir da chegada do fin de curso, algo que se debe principalmente ao incentivo do concurso, pois a contía do primeiro premio é de 1.000 €.

Actualmente os proxectos que están rexistrados no concurso son os seguintes:

  • Xestor de vendas (TPV)
  • Sistema de voto electrónico para Uvigo
  • Visitas remotas a través dun robot guía
  • Aplicación para xestión dun hotel
  • Ferramentas de análise de redes
  • Creación de contidos xeolocalizados
  • Reinxeñería de Gtranslator.

Por outra banda, cómpre salientar que os últimos proxectos que se engadiron á Forxa non proceden só do ámbito do estudantado na súa totalidade; de entre eles, aqueles que presentan un maior interese son o proxecto Golfiño, o primeiro corrector gramatical para o OpenOffice.org libre para o galego ou o proxecto Corpus, un buscador para corpus lingüísticos baseados en ficheiros .po.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal