A Cuarta Conferencia Internacional de Software Libre de Málaga 2008 amosará a vitalidade do software no eido social, e de maneira específica, nas grandes corporacións públicas e empresariais. A próxima Conferencia de Málaga 2008, que se celebrará os días 20, 21 e 22 de febreiro, xa foi presentada por José María Rodríguez Sánchez, director xeral de Innovación e Administracións Públicas da Consellería de Innovación, Ciencia e Empresa da Junta de Andalucía, durante a Conferencia Internacional de Software Libre 3.0 que se desenvolveu en Badajoz.
A Conferencia de Málaga 2008 prevé reunir, nun espazo de 4.000 metros cadrados do Palacio de Exposicións e Congresos de Málaga, a uns 6.000 asistentes e a máis de 200 poñentes, entre eles autoridades do mundo do Software Libre e representantes das institucións públicas, a empresa, as telecomunicacións e o eido académico. Espérase acoller ademais a máis de 100 entidades entre empresas e institucións públicas na conferencia que está organizada pola Junta de Andalucía, coa colaboración da Junta de Extremadura e importantes empresas e entidades do sector.
