As actuacións da administración pública galega irán encamiñadas á identificación e caracterización dos estándares para as distintas necesidades da administración, á regulamentación e normativización dos estándares no desenvolvemento dos servizos públicos electrónicos, á formación do persoal da Xunta en tecnoloxías da información e a comunicación e á creación dun observatorio de seguimento e implantación de novos estándares.
De xeito paralelo promoveranse iniciativas de desenvolvemento e implantación de plataformas de estandarización e localización da información. Terá gran importancia o traballo dun laboratorio de Software Libre que revisará, avaliará, probará e integrará iniciativas de estandarización e localización de información. Tamén se creará un sistema de buscador que integre información administrativa do conxunto da administración pública que opera en Galicia.
O PEGSI estará vixente ata o ano 2010 e conta cunha dotación orzamentaria de 800 millóns de euros. A interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto é unha das oito estratexias que contempla o plano e existen varias referencias explícitas a actuacións a levar a cabo para a promoción do Software Libre na sociedade galega e na Xunta. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información pertencente á Consellería de Innovación e Industria.
