A Xunta aposta polo Software Libre para garantir a interoperabilidade e o libre acceso aos datos

O Consello da Xunta aprobou onte o Plano Estratéxico Galego para a Sociedade da Información (PEGSI) co que persegue que a innovación sexa o motor do desenvolvemento e crecemento de Galicia. O PEGSI contempla a necesidade de levar a cabo un proceso de integración baixo a premisa da interoperabilidade administrativa que estea baseada nos estándares abertos e plataformas tecnolóxicas de código libre. A través dos estándares abertos tamén se garante outro dos obxectivos: o desenvolvemento dos servizos galegos de goberno electrónico. A Xunta segue así a recomendación da UE para garantir a interoperabilidade dos sistemas e procesos de información das administracións públicas. 

As actuacións  da administración  pública galega irán encamiñadas á identificación e caracterización dos estándares para as distintas necesidades da administración, á regulamentación e normativización dos estándares no desenvolvemento dos servizos públicos electrónicos, á formación do persoal da Xunta en tecnoloxías da información e a comunicación e á creación dun observatorio de seguimento e implantación de novos estándares.

De xeito paralelo promoveranse iniciativas de desenvolvemento e implantación de plataformas de estandarización e localización da información. Terá gran importancia o traballo dun laboratorio de Software Libre que revisará, avaliará, probará e integrará iniciativas de estandarización e localización de información. Tamén se creará un sistema de buscador que integre información administrativa do conxunto da administración pública que opera en Galicia.  

O PEGSI estará vixente ata o ano 2010 e conta cunha dotación orzamentaria de 800 millóns de euros. A interoperabilidade, seguridade e coñecemento aberto é unha das oito estratexias que contempla o plano e existen varias referencias explícitas a actuacións a levar a cabo para a promoción do Software Libre na sociedade galega e na Xunta. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información pertencente á Consellería de Innovación e Industria.  

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal